O CGAI e Filmoteca Española colaboran na recuperación e difusión da versión orixinal a cor de 'Pontevedra, cuna de Colón', primeira película polícroma española

  A restauración será estreada mañá no madrileño Cine Doré e o 27 de outubro, Día Mundial do Patrimonio Audiovisual, na sala de proxeccións da filmoteca galega na Coruña

  O traballo realizado combinou a dixitalización coa intervención manual de 20.000 fotogramas

O CGAI e Filmoteca Española colaboran na recuperación e difusión da versión orixinal a cor de 'Pontevedra, cuna de Colón', primeira película polícroma española
[30/09/2020]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e Filmoteca Española colaboraron na recuperación da versión coa cor orixinal de Pontevedra, cuna de Colón, curtametraxe documental rodada en 1927 na cidade do Lérez polo fotógrafo, cineasta e investigador Enrique Barreiro e catalogada como a primeira película polícroma feita en España. A fita, que será estreada mañá xoves no Cine Doré de Madrid, terá o seu primeiro pase en pantalla grande en Galicia o 27 de outubro na sala do CGAI na Coruña, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Patrimonio Audiovisual da Unesco.
 

O Centro de Conservación e Restauración de Filmoteca Española realizou os traballos para restituírlle á fita a súa cor, resultado dun sistema primitivo experimental patentado polo propio Barreiro en 1925: o Cromacolor. A excepcionalidade de Pontevedra, cuna de Colón é precisamente este sistema, un filtro rotatorio con partes e franxas de cores desde o vermello ata o verde, que ía capturando a resposta a estes tons no negativo en fotogramas alternos, ordenados tamén por cores. Despois de revelada a película, tinguíanse os fotogramas con outros matices da gama de azuis, de xeito que ao seren proxectados a gran velocidade, a persistencia na retina facía a mestura e a imaxe víase a cor.
 
A iniciativa forma parte dun proxecto que podería ampliarse para abordar de xeito conxunto todos os materiais que compoñen a colección Barreiro, depositada pola familia do cineasta pontevedrés na filmoteca da Xunta de Galicia. De feito, no CGAI téñense restaurado xa varias películas documentais de principios dos anos 30, xa que os seus herdeiros dos irmáns Enrique e Ramón Barreiro, considerados dous pioneiros do cinema en Galicia, entregaron ao arquivo fílmico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade gran cantidade de materiais da época, tamén distintas probas de cor. De feito, unha copia en branco en negro de Pontevedra, cuna de Colón está accesible actualmente a través da web www.cgai.xunta.gal.
 
Resultado fidedigno
A película foi estreada no seu día en cor, mais as copias conservadas tanto en Filmoteca Española como no CGAI-Filmoteca de Galicia, facían inviable fotoquimicamente a reprodución das cores. Non foi ata o de agora que se acadou o obxectivo, mediante a combinación dos últimos procesos dixitais coa intervención manual, ata acadar un resultado óptimo e o máis fidedigno posible co orixinal.
 
Ao levar a cabo a dixitalización, restituíronse as cores en cada fotograma, pero non se combinaban ao proxectárense, polo que o proceso de recuperación de toda a metraxe foi enormemente laborioso, xa que se tiveron que tratar individualmente, en maior o menor medida, 20.000 dos 33.000 fotogramas que compoñen o filme.
 
Máis alá do mecanismo técnico de recuperación da película, o traballo permitiu afondar documentalmente no modo en que Barreiro  trasladou os seus experimentos para dotar de cor á imaxe cinematográfica.

-Información na web de Filmoteca Española