A Xunta convoca compañías e profesionais da danza para coproducir tres espectáculos co Centro Coreográfico Galego

  Cada unha das propostas elixidas contará cunha achega máxima de 18.000 euros por parte da Agadic, ademais de ter á súa disposición a sede do CCG na Coruña para o seu desenvolvemento

A Xunta convoca compañías e profesionais da danza para coproducir tres espectáculos co Centro Coreográfico Galego
[06/10/2020]
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade anunciou un proceso de selección de proxectos para a contratación da estrea e exhibición de tres espectáculos de danza, en calquera das súas modalidades, que serán realizados en réxime de coprodución co Centro Coreográfico Galego (CCG) mediante unha achega máxima de 18.000 euros para cada proposta.
 

Segundo a convocatoria publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), os adxudicatarios poderán facer uso da sala de ensaios do CCG para a montaxe das pezas, en tanto que a contribución económica non poderá exceder o 80% do orzamento total do proxecto. Estes deberán ser orixinal e non ter sido producidos con anterioridade.
 
O apoio materializarase a través da sinatura coa Agadic de tres contratos aos que poden optar persoas físicas ou xurídicas, así como sociedades civís, comunidades de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, ademais de unións temporais de empresas dedicadas profesionalmente á produción escénica e que desenvolvan a súa actividade maioritariamente en Galicia. Quedan excluídas as asociacións e demais entidades sen fins de lucro.
 
Os proxectos poden presentarse ata o vindeiro 27 de outubro na forma na que se especifica nas bases e xuntando coa solicitude unha memoria explicativa, incluíndo o interese cultural e artístico do proxecto, o orzamento en gastos de persoal, produción e promoción e o historial do equipo artístico, entre outros requirimentos.
 
Unha comisión integrada por tres profesionais das artes escénicas será a encargada de valorar as solicitudes presentadas aplicando os criterios dos baremos detallados no anuncio de licitación.
 
Nas anteriores temporadas, o Centro Coreográfico Galego coproduciu os espectáculos Médula, de Artestudio; Bailar agora, de Marta Alonso Tejada; E-migrantas, de Kirenia Martínez Acosta; Pink Unicorns, de La Macana; Directo 9, de Pisando Ovos; Corps Sonore, con SóloDos;Son, de Nova Galega de Danza, e Atlántica, de BalletNorte.

-Anuncio de licitación e formulario de solicitude

[Imaxe: Marta Alonso en 'Bailar agora', coprodución de 2019]