A Xunta apoia o V Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que homenaxea os profesionais da sa˙de e dos servizos sociais

  O encontro é un dos adxudicatarios das subvencións a festivais audiovisuais convocadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais

  Organizado pola Asociación Galega Audiovisual Inclusiva, celebrarase entre o 13 e o 17 de outubro con novas seccións competitivas de apoio ao sector

A Xunta apoia o V Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que homenaxea os profesionais da sa˙de e dos servizos sociais
[08/10/2020]
O Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que celebra a súa quinta edición entre o martes 13 e o sábado 17 de outubro, súmase este ano marcado pola covid-19 á homenaxe aos profesionais da saúde e dos servizos sociais. O obxectivo do evento organizado pola Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN) e que conta con subvención da Xunta de Galicia, é dar a coñecer, apoiar e valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión e a igualdade a través da difusión universal da sétima arte.

O festival adoptou tamén nesta edición novas seccións competitivas dirixidas a incrementar a súa incidencia positiva no sector, atendendo á actual situación derivada da pandemia sanitaria. Así, ademais da quinta convocatoria da sección de curtametraxes de ficción e da terceira de longametraxes documentais, este ano o festival incorpora un apartado a concurso de longametraxes de ficción, outro de curtametraxes documentais e un máis para webseries de temática inclusiva.
 
A Xunta dirixiu este ano 190.000 euros a festivais audiovisuais a través das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O seu director, Jacobo Sutil, explicou no acto de presentación do V Festival de Cine Inclusivo de Vigo que este é un dos eventos adxudicatarios desta liña de axuda destinada a potenciar un “mapa galego” de certames audiovisuais vertebrado por especialidades e por territorios. Neste sentido, destacou a importancia da especificidade do festival vigués, que non só aborda historias cara á concienciación social polo títulos que proxecta, senón que tamén en conta a accesibilidade total do público, a través da organización de sesións audiodescritas e apoiadas por lingua de signos.  
 
Programa no Auditorio Municipal e no Cine Salesianos
A inauguración do festival desenvolverase o martes 13 ás 20,30 h. no Auditorio Municipal de Vigo coa proxección de De chaque instant, de Nicholas Philibert, un filme que se achega ao proceso de formación dun grupo de enfermeiras para coñecer os seus desexos e medos.
 
Dentro da sección de documentais a competición, o certame acolle a exhibición de tres obras o martes, mércores e venres, respectivamente: Crip Camp. A Disability Revolution, de James Lebrecht e Nicole Newnham; Urxencias en México DF / Midnight family, de Luke Lorentzen; e Ara Malikian: una vida entre las cuerdas, de Nata Moreno. Os dous primeiros documentais poderanse ver no Auditorio Municipal ás 17,30 h., mentres que o último se proxectará no Cine Salesianos a partir das 20,30 h.
 
As pantallas destes dous espazos culturais da cidade serán os que acollan a meirande parte da carteleira prevista, con distintos pases e horarios. Así, a sección de longametraxes de ficción contará con outras tres obras: Cuerdas, a primeira longametraxe de José Luis Montesinos;Recuérdame Remember me, dirixida por Martín Rosete; e Bailando na néboa / Invisible Nematoma, de Ignas Jonynas, en tanto que as curtas documentais seleccionadas son Carne, de Camila Kater; Un viaje inesperado, de María Guerra; Woman, de Raúl de la Fuente; Paraíso, de Mateo Cabezas; Otra forma de caminar, de Laura Torrijos-Bescós; e El monstruo invisible, de Javier Fesser e Guillermo Fesser.
 
O festival pecharase o sábado 17 coa entrega de premios, despois da exhibición das curtametraxes de ficción en competición: Homomaquia, de David Fidalgo; Para sempre, Malévich, de Antón Veiga; Orquesta Los Bengala, de David Valero Simón; Operación R.A.E, de Borja Álvarez; El método PIGS, de Borja Kozlov; Xoves de comadres, de Noemí Chantada; There will be monsters, de Carlota Pereda; Loca, de María Salgado Gispert, e Polter, de Álvaro Vicario.
 
Concurso de webseries e actividades paralelas
A Asociación Galega Audiovisual Inclusiva engadiu nesta edición unha sección de concurso específica para de webseries, entre as que se proxectarán Enfermedades rarasIndetectablesAmor superdotado#Sitcom e Hasta la vista!. Neste caso, o público determinará o premio á mellor obra a través dunha votación en liña que xa está aberta no apartado da web do festival: https://www.festivalcinevigo.es/webseries/.
 
Haberá tamén unha serie de actividades paralelas que pretenden crear conciencia sobre a inclusión no seu aspecto máis amplo. Deste xeito, o mércores Manuel Burque, guionista e actor na serie Vida perfecta, creada por Leticia Dolera, será o encargado de guiar o webinario ‘Vida perfecta e como rachar moldes’ no marco da sección Coñece!, dirixida a centros escolares e prevista para o mércores 14. O sábado 17 desenvolverase telematicamente unha charla coa Asociación Galega de Guionistas (AGAG) baixo o título El último show e a representación da terceira idade na ficción. Intervirán profesionais do sector audiovisual ligados a esta serie como Álex Rodríguez, Miguel Ángel Tirado, Luisa Gavasa, Sara Alquézar ou Enrique Lojo. Ese mesmo día terá lugar o Café con CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización), no que Noemí Chantada e Álex Cancelo, participarán no coloquio A responsabilidade dos creadores coa realidade.

[Ilustración: detalle do cartel do festival, obra de Abi Castillo]

-Web do festival