O programa da Xunta 'Cultura no Cami˝o+' pecha este ano con 410 actuaciˇns, a cifra mßis alta da s˙a historia pese ß covid-19

  O Plan de reactivación do sector cultural posibilitou o aumento do esforzo orzamentario nesta iniciativa para levar a cabo unha versión ampliada, a través da que se contrataron máis de 160 grupos e compañías profesionais galegas

  Pese aos adiamentos e cancelacións a causa da evolución da pandemia, logrouse incrementar a actividade en preto dun 45% respecto ao ano pasado, cun investimento final superior aos 760.000 euros

  O circuíto, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración cos municipios participantes e co patrocinio de Gadis, desenvolveu a súa oitava edición entre o 15 de xullo e o 15 de outubro

O programa da Xunta 'Cultura no Cami˝o+' pecha este ano con 410 actuaciˇns, a cifra mßis alta da s˙a historia pese ß covid-19
[28/10/2020]
O circuíto da Xunta de Galicia Cultura no Camiño+ acaba de pechar a súa edición de 2020 tras ter ofrecido a cifra de actuacións máis alta da súa historia pese á covid-19. Así, desde mediados de xullo desenvolvéronse 410 actuacións de música, teatro, danza, novo circo e maxia en 133 concellos, que posibilitaron a contratación de máis de 160 formacións artísticas profesionais galegas. A posta en marcha do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19 permitiu incrementar en máis do triplo a dotación asignada a esa iniciativa, de xeito que a pesar dos adiamentos e cancelacións provocadas pola evolución da pandemia, a actividade deste ano superou en máis dun 45% á de 2019, cando se levaron a cabo 284 funcións.

O desenvolvemento desta versión ampliada de Cultura no Camiño, para o que se volveu contar co patrocinio de Gadis, articulouse a partir dunha convocatoria de subvencións mediante a que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asumiu entre o 60% e o 80% dos custos das contratacións artísticas, en función do número de habitantes dos municipios. Coa seguridade do público e dos artistas como prioridade, finalmente foron 133 dos 150 concellos subvencionados os que conseguiron levar adiante a súa oferta cultural ao abeiro desta iniciativa, de xeito que o investimento total se achegou aos 764.000 euros, dos que un 70% foi asumido pola Xunta (530.000 euros).
 
Espectáculos máis contratados
Na ampla listaxe de artistas e compañías que lle deron forma a esta oitava edición do circuíto, sobresaíron en canto a número de contratacións os distintos espectáculos teatrais producidos por Culturactiva, os concertos de Carlos Núñez, Odaiko e Fanfarria Brassica Rapa, as propostas de novo circo de N+1 Teatro Circo Danza, Desastronauts e Pistacatro, e a maxia de Micromaxias, Mago Teto e Dani García.
 
En canto ás modalidades artísticas, no cómputo final destacaron as representacións teatrais, con 142 funcións e os espectáculos musicais, con 129 concertos. Ademais, o público infantil e familiar foi un dos principais destinatarios desta oferta, con 236 actuacións de diferentes xéneros musicais e escénicos, mentres que a programación para público adulto sumou 174 citas.
 
Cultura no Camiño+afondou así na finalidade coa que o programa botou a andar en 2013, inicialmente nos concellos situados no Camiño de Santiago, e especialmente necesaria na actual situación provocada pola coivid-19: impulsar a contratación de espectáculos galegos e contribuír á dinamización cultural dos municipios da Comunidade, con especial fincapé nos de menor poboación e recursos. De feito, a gran maioría dos concellos participantes na edición de 2020 contan con menos de 20.000 habitantes.