A Xunta promove a difusiˇn do jazz en Galicia mediante a s˙a colaboraciˇn co festival de Lugo dedicado a este xÚnero musical

  O certame chega ao seu trixésimo aniversario cun programa de concertos que se desenvolverán do 5 ao 15 de novembro no Círculo das Artes, A Casa do Saber e o Club Clavicémbalo

  A asociación Escobijazz organizou un programa que duplica as actuacións de varios artistas para poder chegar a un maior número de persoas

A Xunta promove a difusiˇn do jazz en Galicia mediante a s˙a colaboraciˇn co festival de Lugo dedicado a este xÚnero musical
[30/10/2020]
A Xunta de Galicia colabora coa celebración do XXX Festival de Jazz de Lugo, que organiza a Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz e que se desenvolverá en tres escenarios da cidade entre o 5 e 15 de novembro coa participación de catorce agrupacións dedicadas a este xénero musical.

Este ano, o certame chega ao trixésimo aniversario mantendo a súa cita e coas adaptacións que marca o actual contexto sanitario, polo que algúns dos artistas duplicarán as súas actuacións para darlle cumprimento ás restricións de ocupación  e facilitar que os concertos cheguen ao mesmo número de persoas que nas anteriores edicións.
 
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do programa completo do festival. O acto tivo lugar no Círculo das Artes de Lugo, un dos espazos que acollerán o evento xunto á  Casa do Saber e o Club Clavicémbalo; e nel participaron representantes de Escobijazz  e do resto de entidades e institucións que apoian o encontro.
 
O director da Agadic destacou a capacidade das empresas e axentes culturais galegos para “reinventarse” e modificar os seus proxectos en conformidade coas limitacións derivadas da situación sanitaria. Neste sentido, destacou a longa traxectoria e a dedicación dos membros de Escobijazz pola difusión do xénero jazzístico e o seu esforzo para poder gozar desta trixésimo edición do festival nunha contorna segura para artistas, persoal técnico e público. 
 
Carteleira de concertos
O festival abre o xoves 5 de novembro co concerto de Daniel García Trío na Casa do Saber ás 20,30 h., con entrada gratuíta previa reserva de localidades a través do correo electrónico cultura.lugo@usc.es. Ese mesmo día, ás 21,30 h. actuará The Old Project no Clavicémbalo.
 
O venres 6 ás 21,30 h., Javier Alcántara Quartet chegará de Estremadura para tocar no Club Clavicémbalo ás 22,30 h.; e o sábado 7, a banda portuguesa de Salvador Sobral ofrecerá dous concertos no Círculo das Artes, un ás 18,00 h e outro ás 20,30 h., nos que presentará no seu último disco Alma nuestra. A xornada rematará co dúo madrileño Ombligo, de Madrid, no Club Clavicémbalo ás 21,30 h. O domingo día 8, o quinteto tributo a Charlie Parker, Jazz at The Massey Hall, tocará no Círculo das Artes ás 18,00 h. e de novo ás 20,30 h. Ás 21,30 h. será a quenda do grupo lucense Minton´s Jazz, de Lugo no Club Clavicémbalo.
 
Xa na seguinte semana, o luns 9 de novembro chegará a Lugo un dos maiores talentos brasileiros da guitarra, Yamandú Costa, para ofrecer unha actuación no Círculo das Artes ás 20,30 h. O martes 10, ese mesmo escenario recibirá, ás 20,30 h., a Jean Toussaint Quartet. E David Regueiro Trío, de Galicia actuará no Club Clavicémbalo ás 21,30 h. O día 11, o artista sevillano Raúl Rodríguez presenta La Raíz Eléctrica sobre o escenario 1906 do Círculo das Artes a partir das 20,30 h., en tanto que Jezz Trío + Arnaud Desprez pecharán o día o Calvicémbalo ás 21,30 h.
 
Concerto especial de jazz galego
No Círculo estarán tamén o xoves 12 de novembro, ás 20,30 h., os valores da nova xeración do jazz galego Pablo Castaño, Marcos Pin, Yago Vázquez, Paco Charlín e Max Gómez nun proxecto exclusivo para o XXX Festival de Jazz de Lugo: Sculptures In Music. Ás 21,30 h. Lucía Rey presentará o seu primeiro traballo, Reflexión, no club Clavicémbalo.
 
O venres 13, a cantante albanesa suíza Elina Duni, acompañada de Rob Luft e Fred Thomas, ofrecerá dous concertos no Círculo das Artes: un ás 18,00 h. e outro ás 20,30 h.; e o Roberto Nieva Quintet tocará no Clavicémbalo no horario habitual para os recitais do festival nesta sala.
 
Para o sábado 14 están programadas as actuacións de Clarence Bekker Band ás 18,00 e ás 20,30 h. no Círculo das Artes; mentres que o club Clavicémbalo ofrecerá a actuación de Aló Django Quartet. Por último, o domingo 15 de novembro o Festival de Jazz de Lugo pechará a súa trixésima edición cos concertos que Miryam Latrece Quartet ofrecerá no Círculo das Artes ás 18,00 e ás 20,30 h.
 
Para os concertos que teñan lugar no Círculo das Artes a venda de entradas será na caseta do festival (naPraza Maior, fronte ao Círculo das Artes) desde o 5 de novembro (horario de venda de 12,00 a 14,00 h. e de 17,00 h. ata a hora de cada recital). Para os espectáculos do Club Clavicémbalo, as localidades despacharanse será na mesma sala.

-Festival de Jazz de Lugo