A Xunta contribúe con 500.000 euros á reactivación da actividade de 38 compañías e catro salas escénicas

  Publícase na web da Agadic a adxudicación desta nova liña de subvencións para o impulso do sector escénico, dirixida ao fomento de residencias artísticas que relancen montaxes xa producidas

  Préstaselle unha especial atención á danza, con 100.000 euros destinados a 12 proxectos

  Con esta contía, elévase a máis de 1,5 millóns de euros o investimento extraordinario no ámbito das artes escénicas a través do Plan de reactivación do sector cultural

A Xunta contribúe con 500.000 euros á reactivación da actividade de 38 compañías e catro salas escénicas
[03/11/2020]
A Xunta destina 500.000 euros a relanzar a actividade de 38 compañías e de catro salas escénicas como adxudicatarias das novas subvencións para o impulso do sector en Galicia, creadas ao abeiro do plan autonómico de reactivación cultural fronte aos efectos da covid-19. A través desta adxudicación, publicada nas seccións de avisos e axudas desta web, achégaselles un apoio extra ás empresas escénicas para contribuír ao seu mantemento económico neste período.

As contías concedidas buscan a fomentar as residencias artísticas co obxectivo último de recuperar e reactivar espectáculos xa producidos e que viron afectada a súa temporada de exhibición polo actual contexto sanitario, de xeito que estas estadías traduciranse en proxectos de difusión ou mediación cultural que formarán parte da programación cultural do Xacobeo 2021. 
 
Préstaselle, ademais, unha especial atención ao ámbito da danza, para o que se reservaron especificamente 100.000 euros, que se distribúen entre os proxectos de 12 compañías: Nelson Quinteiro, La Macana, SIL Producciones Arte en Movimiento, Pisando Ovos, Experimentadanza, Javier Martín, Licenciada Sotelo, Paula Quintas, Cía. Kirenia Danza, Incendiaria, Cris Vilariño e Colectivo Glovo.
 
Outros 100.000 destínanse a apoiar os programas de residencias de catro salas privadas de exhibición escénica (Teatro Ensalle e Ártika de Vigo e Teatro del Andamio e Sala Gurugú da Coruña), mentres que os 300.000 euros restantes contribuirán á reactivacións das propostas presentadas por 26 compañías profesionais galegas de teatro, novo circo e maxia.
 
Esta liña de subvención en réxime de concorrencia competitiva eleva a máis de 1,5 millóns de euros o investimento extraordinario no ámbito das artes escénicas canalizado a través das novas iniciativas do Plan de reactivación do sector cultural, entre as que tamén se atopan o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 ou a versión ampliada de Cultura no Camiño.
 
Ao tempo e co mesmo fin de contribuír á recuperación da actividade no sector, flexibilizáronse e adaptáronse as habituais convocatorias de axudas á creación escénica, festivais, salas e distribución, así como as programacións dos circuítos de espectáculos promovidos pola Xunta
 
-Máis informacion