A Xunta apoia a Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo na celebraciˇn da s˙a 42¬ ediciˇn con mßis de 100 tÝtulos en cartel

  A mostra, que se desenvolverá do 23 ao 28 de novembro en seis espazos da cidade, conta cunha achega de preto de 9000 euros a través das subvencións a festivais galegos do sector audiovisual

  A carteleira exhibe longas e curtametraxes dunha ducia de países, cunha especial atención ao cinema iberoamericano e ao galego

A Xunta apoia a Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo na celebraciˇn da s˙a 42¬ ediciˇn con mßis de 100 tÝtulos en cartel
[13/11/2020]
A Xunta de Galicia apoia economicamente a Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo na organización da súa 42ª edición, que pese ao seu adiamento por mor da situación sanitaria, regresará á cita anual co público cinéfilo do 23 ao 28 de novembro. Será a través dunha carteleira de máis de 100 longas e curtametraxes procedentes dunha ducia de países, que poderán verse en seis espazos da cidade: Auditorio Gustavo Freire, Salón de Actos da Deputación, o Museo e a Biblioteca provinciais, o Vello Cárcere e o Vicerreitorado da Universidade.

En representación da Xunta, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe no acto no que se deu a coñecer o programa de 2020 xunto a Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación e concelleira de Cultura de Lugo; Montserrat Valcárcel, vicerreitora do Campus lucense; Manuel Curiel, director da Semana de Cine; e Xulio Xiz, presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, que impulsa a celebración deste certame audiovisual desde 1979.
 
Sutil subliñou o reto que supón o mantemento da actividade cultural diante da actual situación sanitaria e, neste sentido, agradeceulle á organización deste evento o esforzo por se adaptar ás circunstancias, mudando as datas inicialmente previstas e revisando todo o avanzado antes do inicio da pandemia, para propoñer “unha magnífica e ampla selección de filmes, elixidos pola comisión entre máis de 1500 títulos recibidos”.
 
Trece festivais subvencionados
Tamén lembrou que, en correspondencia con este esforzo por parte das empresas culturais, os artistas e os festivais, a Xunta está a aplicar o Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19, que inclúe moi diferentes medidas encamiñadas a retomar, manter e impulsar a actividade neste ámbito. “Entre elas, por exemplo, a adaptación das bases das subvencións da Agadic aos festivais profesionais de cinema, convocatoria da que este ano foron beneficiarios 13 encontros, entre eles a Semana de Lugo, con preto de 9000 euros”, explicou.
 
Esta 42ª edición articularase arredor de sete seccións, cunha especial atención ao cinema iberoamericano e galego. É o caso das 18 curtametraxes do apartado La otra orilla e dos 10 filmes que compoñen a Sección oficial, entre os que hai producións de Arxentina, Brasil, Ecuador, España, México, Canadá e Croacia, así como as galegas As mortes, en coprodución co Chile, e Eu tamén necesito amar. Pola súa banda, en Cine galego amosaranse 27 longas e curtametraxes, entre as que se atopan títulos como Xoves de comadres, de Noemí Chantada; 16 de decembro, de Álvaro Gago, ou Os prexuízos da auga, de Santos Díaz.
 
Homenaxes a Luis Tosar e a Benedicta Sánchez
Tamén galegas son as películas que se exhibirán nas respectivas homenaxes que a Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo lles renderá a Luís Tosar coa proxección de Quien a hierro mata e a Benedicta Sánchez con O que arde.
 
Completan a ampla proposta deste ano, para a que a entrada será gratuíta e con límite de capacidade segundo os protocolos de sanidade vixentes, as seccións E para comer Lugo, en colaboración con Galicia Calidade, Cine documental e As curtas cine son.
 
-Web da Semana de Cine de Lugo