Galicia convértese durante dez días no escaparate do circo a nivel estatal co Congreso CircoRed e o Encontro D10!

  A Xunta apoia a promoción do novo circo galego coa celebración na Cidade da Cultura destes dous eventos cos que colabora a Agadic

  O congreso de profesionais do sector que promove a Federación de Asociacións do Circo de España achégase a Santiago de Compostela coincidindo co Encontro para a Formación e Innovación en Circo que organiza a compañía galega Pistacatro

  O Centro Dramático Galego apoia as funcións para público xeral que o D10! ofrecerá no Salón Teatro e no Teatro Principal

Galicia convértese durante dez días no escaparate do circo a nivel estatal co Congreso CircoRed e o Encontro D10!
[24/11/2020]
A Xunta de Galicia apoia a promoción do novo circo galego coa súa colaboración para celebrar en Santiago de Compostela o IV Congreso CircoRed  da Federación de Asociacións de Profesionais do Circo de España e o V Encontro D10! de Formación e Innovación en Circo que organiza a compañía galega Pistacatro. Os dous eventos desenvolveranse desde a Cidade da Cultura, cun formato profesional maioritariamente en liña no caso do congreso e con funcións para o público xeral nos teatros da cidade como complemento ao perfil máis artístico do D10!.
 

Así, Galicia convértese durante case dez días no punto de mira do circo estatal coa celebración destas dúas citas, que abordan aspectos como a produción, dirección, pedagoxía, programación, xestión e distribución desta disciplina escénica. Así o expresou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen participou hoxe no acto de apertura do V CircoRed xunto a representantes doutras entidades patrocinadoras e membros da Asociación de Profesionais de Circo de Galicia (APCG).
 
Sutil destacou que o feito de que se descentralice a súa celebración se faga coincidir co V Encontro D10! é unha forma de referendar dende a federación española o traballo que en Galicia se está a facer  no ámbito do novo circo e recoñecer o labor nese sentido da compañía organizadora, Pistacatro, unha das máis activas e de maior traxectoria.
 
As cifras do sector en Galicia
O director da Agadic lembrou que segundo os propios datos do sector, Galicia conta nestes momentos cunha trintena de formacións de circo en activo e preto dun cento de intérpretes e profesionais dedicados ou especializados nesta arte. Son perfís que combinan ao longo do ano o seu traballo na produción de espectáculos con labores como formadores en distintos centros públicos e escolas.
 
“Son, ademais, os representantes dunha disciplina que vén demostrando na última década valores tan importantes como a súa capacidade de adaptación, de captación de novos públicos, de busca de novas linguaxes e de hibridación con outros exercicios escénicos. Isto último é así porque no novo circo contemporáneo hai unha dura e imprescindible execución técnica de base que, cada vez máis, se abre a novas posibilidades da man de montaxes que, cada vez máis tamén, amosan coidadas postas en escena e entroncan coas novísimas  propostas da esfera do teatro físico”, engadiu.
  
Vomo prólogo ao congreso, CircoRed celebrou tamén a súa asemblea anual, da que resultou elixido presidente o galego José Expósito.
 
Obradoiros de autoría galega, coloquios e funcións para o público xeral
O IV Congreso CircoRed, que se estende ata este mércores 25 de novembro en formato principalmente dixital, acollerá os working progress galegos Kaldi, de Johanna Hesse; La cuerda, de Cía. Ana Cuervas e Isolada, de Natalia Outeiro Pajarito. Trátase dalgúns dos proxectos que verán a luz como espectáculos en 2021 e que contan integramente con mulleres creadoras e artistas en escena.
 
As realidades e estratexias do circo en todo o Estado, a súa defensa como ben social, cultural e de interese público, a sensibilización en igualdade de xénero desde esta arte, os novos escaparates de exhibición, ou os mercados especializados dentro e fóra de España son algúns dos asuntos que se abordarán desde as mesas de traballo propostas.
 
Pola súa banda, a quinta edición do Encontro D10! desenvolverase do 26 de novembro ao 3 de decembro co obxectivo que incidir na potenciación da produción de coñecemento, abordando o mesmo desde a  interacción de tres esferas: información, contexto e experiencia.
 
Ademais das mesas de traballo da APCG e os obradoiros sobre Presencia, Dramaturxia e Creación dirixido por Pau Portabella e Malabares & Movemento da man de Sean Gandini & Kati Ylä-Hokkala, o D10! ofrecerá tres funcións para o público xeral, dúas delas en colaboración co Centro Dramático Galego. Serán Homenatje, de Cía. En decembro, que terá lugar hoxe martes no Teatro Principal, e Cía. Dikhotomia con Ego, o venres 27 de novembro no Salón Teatro. Ademais, o xoves 3 de decembro, o V Encontro D10! pechará coa posta en escena de Ovvio, de Kolektiv Lapso Cirk, no Teatro Principal. As tres actuacións darán comezo ás 20,30 h. e as localidades estarán á venda nos despachos de billetes de cada espazo desde as 18,30 h.