A Xunta pon en marcha o programa 'Os segredos do Salˇn Teatro' de visitas en li˝a para colexios e institutos

  O Centro Dramático Galego desenvolve esta actividade virtual e interactiva no marco da conmemoración do centenario do edificio que a acolle no casco histórico de Santiago

  O alumnado de Primaria e Secundaria terá a oportunidade de coñecer como funciona un espazo escénico por dentro, así como de achegarse á historia do teatro profesional galego e á evolución dos oficios teatrais

A Xunta pon en marcha o programa 'Os segredos do Salˇn Teatro' de visitas en li˝a para colexios e institutos
[26/11/2020]
O Centro Dramático Galego (CDG) acaba de abrir a convocatoria para o seu programa Os segredos do Salón Teatro. Visitas en liña ao corazón do teatro, dirixido a centros educativos de Primaria e de Secundaria de toda Galicia. Con motivo da conmemoración do centenario do Salón Teatro, edificio no que ten a súa sede, a compañía pública retoma as súas actividades escolares, adaptándoas á actual situación sanitaria para o seu desenvolvemento de xeito virtual.

Tras a positiva resposta obtida na primeira experiencia piloto xunto a un grupo da Eleven School de Vigo, o CDG estende agora esta proposta a todos os centros interesados en participar durante o actual curso escolar. A actividade desenvolverase os mércores, cunha duración máxima estimada de 45 minutos.
 
A través dela, os estudantes terán a oportunidade de descubrir que se agocha tras o pano do Salón Teatro, nun percorrido virtual e guiado polo escenario, o peite, os camerinos, a xastrería, a cabina de control e demais espazos que non adoitan abrirse ao público. Buscarase, ademais, a interactividade co alumado para lles dar resposta a todas as curiosidades que poidan xurdir ao respecto do funcionamento dun teatro, a produción dun espectáculo ou os diferentes oficios nel implicados.
 
Ao tempo, coñecerán de primeira man a evolución experimentada polo edificio nestes 100 anos de vida e, especialmente, tras a súa rehabilitación pola Xunta de Galicia para recuperalo como espazo escénico en 1999. Con tal motivo, ofrecerase tamén unha aproximación á historia do teatro profesional galego, da que o Centro Dramático Galego é parte fundamental, lembrando espectáculos, compañías e grandes intérpretes que se subiron ás táboas do Salón Teatro nos últimos vinte anos.
 
As profesións teatrais
Outro dos obxectivos deste programa é poñer en valor as numerosas profesións artísticas e técnicas que forman parte do ámbito teatral (dirección, interpretación, escenografía, iluminación, son, tremoia, rexedoría, vestiario, produción etc.), incidindo na necesidade de rachar cos roles e cos estereotipos de xénero.
 
As solicitudes para participar en Os segredos do Salón Teatro poden remitirse ao correo electrónico centro.dramatico.galego@xunta.gal.
 
-Centro Dramático Galego