O CGAI avanza na sa homenaxe s directoras pioneiras e inicia unha retrospectiva sobre o cine negro de Robert Siodmak

  A carteleira de decembro da Filmoteca de Galicia agrupa varias películas de Lois Weber, primeira muller en filmar unha longametraxe, ademais de ofrecer a primeira parte do ciclo dedicado ao realizador xermano-estadounidense

  Esta tarde terá lugar un debate cos directores participantes na sesión inaugural do Fanzine Festival para achegar o público á cultura electrónica

  O CGAI colabora tamén co IV Festival Internacional de Cine de Animación, ademais de continuar coas súas seccións habituais Off Galicia, Desencadres, CGAI Júnior e Fóra de Serie

O CGAI avanza na sa homenaxe s directoras pioneiras e inicia unha retrospectiva sobre o cine negro de Robert Siodmak
[01/12/2020]
A programación que o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) desenvolve na súa sede da Coruña avanza este mes na súa homenaxe ás pioneiras do cinema, dedicándolle tres sesións a Lois Weber, quen tras comezar a súa traxectoria como actriz, se converteu na primeira muller en dirixir unha longametraxe e nunha activa realizadora durante a segunda década do século XX. Tamén en decembro dá comezo unha ampla retrospectiva dos filmes do director xermano-estadounidense Robert Siodmak, un dos mestres do cinema negro e responsable do seu renacer en Hollywood.

Tras a exhibición en setembro de The Blot, obra mestra dos anos vinte do pasado século, a cinemateca da Xunta de Galicia regresa á filmografía de Lois Weber para proxectar unha decena dos seus títulos, programados para o este venres día 4 (On the Brink, The Rosary, Suspense, Lost By a Hair, Idle Wives eWhere are my children), o martes 15 (Fine Feathers eThe Dumb Girl of Portici) e o martes 22 (Discontent, What Do Men Want? e Too wise wives).
 
Outro dos protagonistas desta carteleira será Robert Siodmak, cuxa destacada produción americana se define polo cultivo do drama psicolóxico, as achegas baseadas na súa estilización da posta en escena e a contribución ao espertar mesmo do cine negro. O ciclo, que terá continuidade no mes de xaneiro, amosará na Coruña a que foi a súa primeira película en Hollywood, La dama desconocida (martes 9 e mércores 10), e La escalera de caracol (martes 16 e o mércores 17). O xoves 11 será a quenda de Pesadilla e o mércores 23, de A través del espejo.
 
Festival de cultura electrónica
Documental, videoclip, performance ou videoarte formarán parte hoxe mesmo da sesión inaugural da sexta edición do festival Fanzine, FPS-BPM, que propón un percorrido por diferentes ámbitos nos que a música electrónica e a experimentación sonora se hibridan coa creación de vangarda audiovisual.
 
O CGAI é unha das tres sedes do encontro, no marco do que artistas galegos da traxectoria de Berio Molina ou Félix Fernández amosarán a súa particular relación coa música e co son. Así mesmo, estrearase en primicia o novo videoclip de Rayotaser, por Jairo Moreno, ademais de proxectarse a aclamada longametraxe documental The Rise of the Synths, de Iván Castell, sobre o movemento SynthWave. Ao final da sesión, os directores participarán nun debate, moderado polos programadores deste certame co afán de achegar o público á cultura electrónica.
 
Animación, máis filmes Fóra de Serie e distintas propostas para os sábados
A cinemateca galega tamén colabora coa cuarta edición do Festival Internacional de Cine de Animación da Coruña, que acolle o venres 18 de decembro. E xa dentro das súas seccións habituais, o Centro programa en Fóra de Serie dous filmes de Pedro Costa: o martes 1, Cabalo Diñeiro, e o xoves 3, a segunda sesión de Vitalina Varela.
 
Esta nova carteleira mensual complétase con distintas propostas para os sábados: Longa noite, de Eloy Enciso, que se poderá ver o día 5 dentro de Off Galicia; unha nova sesión de Desencadres sobre Stan Brakhage o día 12 e Luces de la Ciudad, de Charles Chaplin, o sábado 19 dentro do ciclo CGAI Júnior.
 
O Centro Galego de Artes da Imaxe continúa a concentrar as proxeccións nunha única sesión diaria ás 19,30 h., de martes a venres, e ás 18,00 h. os sábados dando cumprimento ao protocolo de control sanitario. A entrada segue sendo gratuíta para todos os pases.

-CGAI