A Xunta investirá 9,6 millóns de euros para aumentar a capacidade das empresas culturais a través dun hub que funcione como punto de encontro

  Foi anunciado hoxe polo director da Agadic, Jacobo Sutil, que compareceu no Parlamento para avanzar as liñas de actuación do seu departamento en 2021

  O obxectivo deste proxecto é xerar sinerxías positivas cos profesionais do sector para incrementar as súa competitividade e acelerar a súa reactivación

  O Goberno galego reforza a actividade na área das Industrias Culturais no marco da covid cun incremento do 85,8% dos seus orzamentos ata os 21,9M€

A Xunta investirá 9,6 millóns de euros para aumentar a capacidade das empresas culturais a través dun hub que funcione como punto de encontro
[04/12/2020]
O director de Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para presentar os orzamentos e liñas de actuación de Agadic para o ano 2021. Trátase de iniciativas enmarcadas no contexto da actual pandemia e entre as que destaca a creación dun hub que funcione como punto de encontro coas empresas culturais co fin de incrementar as súas capacidades e acelerar a súa reactivación.

Na súa intervención, Jacobo Sutil salientou o importante esforzo que o Goberno galego levou a cabo desde o inicio da pandemia para adaptarse “a un escenario de incerteza e traballar para a recuperación e reactivación do sector cultural”. Un compromiso que, segundo explicou, continuará no vindeiro ano tal e como reflicten os orzamentos para o seu departamento que se incrementan nun 85,5% ata chegar a 21,9 millóns de euros.

Este reforzo no investimento permitirá poñer en marcha liñas de traballo que dean continuidade a actividade cultural, ao tempo que lles axude a adaptarse á actual situación. Neste contexto, unha das principais medidas será a creación do proxecto Hub audiovisual-industria cultural dotado con 9,6 millóns de euros e vinculado ao programa REACT da Unión Europea. “O obxectivo desta iniciativa é xerar sinerxías positivas no sector cultural profesional galego para que, a través dun proceso colaborativo, levemos a cabo investimentos na industria cultural que permitan incrementar as súas capacidades e acelerar a súa reactivación”, precisou Jacobo Sutil.

Así, a finalidade da iniciativa é “financiar os mellores proxectos culturais” de Galicia para que estes colaboren na mellora da competitividade das empresas culturais e xeren postos de traballo, ao tempo que se incentiva a creación de traballos sustentables e que integren a maior parte da cadea de valor.

Medidas de apoio
Ademais deste punto de conexión cos profesionais para sumar e concentrar esforzos cun obxectivo común, a Axencia da Consellería de Cultura, Educación e Universidade tamén manterá no vindeiro ano medidas dirixidas ao sector audiovisual, ás artes escénicas e ao sector musical.

No caso do sector audiovisual, manteranse o apoio aos proxectos desde o seu nacemento ata a súa difusión e, por primeira vez, incluiranse axudas ás web series e convocaranse novas axudas ás salas de cine. Ademais, fomentarase a internacionalización das empresas fomentando a asistencia a foros, mercados e festivais.

No relativo ás medidas para as artes escénicas, continuarase coa publicación das axudas á creación escénica e de apoio ao festivais, salas e distribución. “No campo da música seguiremos apostando pola difusión exterior da música galega e pola adaptación dos festivais ao actual contexto”, explicou Jacobo Sutil antes de engadir que se reforzará a rede de música e se incentivarán medidas para apoiar as empresas, como as liñas xa comprometidas no Plan de reactivación ou as axudas específicas para as salas de concertos, que complementarán o apoio xa recibido a través do programa Directos Xacobeo 21 en salas.

Todas estas medidas, tal e como precisou o director da Agadic, se complementarán co lanzamento de novas liñas destinadas a apoiar, de maneira urxente, ás estruturas culturais privadas que se viron máis afectadas pola crise sanitaria como as salas de cine ou as de concertos.