A Xunta apoia a aposta do festival Novos Cinemas de Pontevedra por un formato mixto presencial e dixital

  O director da Agadic participou na presentación da quinta edición do certame, que terá lugar do 15 ao 20 de decembro, do que destacou a súa capacidade de adaptación á situación sanitaria sen perder a súa filosofía

  A longa de Lois Patiño Lúa vermella abrirá o evento, que inclúe a proxección de 25 filmes en sala, ademais de encontros profesionais, un foco sobre o cineasta Luis López Carrasco ou o programa de asesoramento #LAB

  A través da plataforma Filmin poderán verse en liña os filmes a concurso, ademais dunha selección de obras de anteriores edicións

A Xunta apoia a aposta do festival Novos Cinemas de Pontevedra por un formato mixto presencial e dixital
[11/12/2020]
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da quinta edición do festival internacional Novos Cinemas de Pontevedra, que do 15 ao 20 de decembro desenvolverá unha programación combinada de sesións e actividades presenciais con proxeccións na plataforma online Filmin.

Na súa intervención, o responsable do departamento de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou a adaptación do evento á situación e aos protocolos sanitarios, sen perder “as liñas mestras da súa filosofía”, e estendeu este recoñecemento aos 13 festivais audiovisuais subvencionados pola Xunta de Galicia a través da convocatoria de 2020: “Todos eles, en formatos semipresenciais ou cun desenvolvemento integramente en liña, conseguiron manter o seu contacto co público”, sinalou.
 
Neste sentido, lembrou que entre as medidas do plan autonómico de reactivación cultural, postas en marcha polo Goberno galego para paliar os efectos da situación sanitaria neste sector, está a adaptación das devanditas axudas, que incrementaron a súa dotación ata os 190.000 euros, un 11% máis que 2019, entre outras modificacións.
 
Filmes de 10 países
Lúa vermella, de Lois Patiño, será o filme de apertura do festival pontevedrés, organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas e por Matriuska Producciones. Arrancará así unha carteleira de proxeccións en sala integrada por 25 filmes, entre os que se atopan os nove títulos da Sección Oficial, correspondentes a primeiras ou segundas obras de cineastas de 10 países de todo o mundo, e os catro da Sección Latexos, unha escolma máis íntima con producións españolas e arxentinas.
 
A esta relación, engádense as tres fitas do primeiro foco que se lle dedica en Galicia ao realizador murciano e cofundador do colectivo Los Hijos Luis López Carrasco, cos pases de El año del descubrimiento,Aliens e El futuro. Proxectaranse tamén Dorothé na Vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, nunha sesión para alumnado de Bacharelato, e My Mexican Bretzel, de Nuria Giménez, na sesión de clausura do festival.
 
A realizadora catalá será precisamente unha das protagonistas dos encontros profesionais que ofrecerá este ano Novos Cinemas co obxectivo de servir como escenario de intercambio de ideas. O Museo de Pontevedra acollerá estas citas, para as que tamén se contará con Andrés Goteira  e coas asociacións PROXECTA e CREA.
 
Asesoramento e formación
A través do seu programa #LAB, o evento promove o desenvolvemento de proxectos cinematográficos internacionais mediante o encontro entre cineastas noveis e profesionais de recoñecida traxectoria e sensibilidade cara a propostas de natureza independente. Dentro desta iniciativa de asesoramento, na que colaboran Isona Admetla, Sergi Moreno, Silvia Lobo e Pepe Coira, presentaranse os próximos traballos de Cristóbal Álvarez, Nicolás Suárez, Zeltia Outeiriño, Mo Scarpelli e Helena Santín, que se atopan en distintas fases de desenvolvemento.
 
Tamén poderán verse nesta edición oito pezas xurdidas do obradoiro #Aula, impartido polo cineasta Eloy Domínguez Serén desde o mes de outubro para o alumnado da Universidade de Vigo.
 
Premios e xurado
Nesta quinta edición, entregarase o premio Novos Cinemas á mellor longametraxe da Sección Oficial, o do Xurado Novo á mellor dirección da Sección Oficial, o Latexos ao mellor filme da sección homónima, o da Crítica á mellor fita das seccións competitivas e o do Público, que será decidido mediante a votación dos asistentes.
 
Pela del Álamo, Elena Duque e Nuria Giménez son os membros do xurado oficial, mentres que o novo está integrado por estudantes da Universidade de Vigo. Pola súa banda, o premio Latexos será outorgado por un xurado conformado por representantes dos cinemas Numax de Santiago, Zumzeig de Barcelona, Círculo de Bellas Artes de Madrid e Duplex Cinema de Ferrol, ao tempo que Ángel Suances, Tony Junyet e Mariona Borrull decidirán o premio da crítica.
 
-Novos Cinemas