O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presenta o primeiro espectáculo da compañía pública desta temporada, que se verá no Salón Teatro desde o xoves

O Centro Dramático Galego estrea a obra 'O charco de Ulises', coa que abre un novo modelo de produción e distribuciión

  É unha das tres producións propias que o CDG porá en escena este ano, coas que a Xunta dá á creación teatral de autoría galega o maior impulso na última década

  A versión do clásico grego, dirixida por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, representarase en 19 funcións ás que seguirán unha xira por Galicia

   O Goberno autonómico continúa apoiando así ao sector das artes escénicas, que pechou 2020 con máis de 800 actividades nos circuítos e programas da Xunta

O Centro Dramático Galego estrea a obra 'O charco de Ulises', coa que abre un novo modelo de produción e distribuciión
[11/01/2021]
O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, estrea este xoves 14 de xaneiro a súa primeira produción propia da actual temporada, O charco de Ulises, un espectáculo de gran formato dirixido por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, que marca ademais o inicio dunha nova etapa na compañía teatral pública a través dun modelo de traballo con cambios substanciais nas dinámicas de produción e distribución cara a reforzar o seu papel como motor escénico galego a partir da crise sanitaria.

Así o destacou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no acto de presentación que tivo lugar no Salón Teatro de Santiago xunto co equipo artístico da montaxe e no que tamén participaron os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e do CDG, Fran Núñez.
 
O titular de Cultura explicou que a nova temporada do CDG será “atípica pero moi ilusionante”. Nela, a posta en escena de O charco de Ulises, versión libre do clásico grego A Odisea revisitado desde a perspectiva da emigración galega, é o primeiro resultado visible da nova planificación, que muda a cadencia consecutiva de ensaios-estrea-xira aplicadas ata agora para simultanear cada unha destas etapas deste e doutros dous espectáculos xa en preparación: Terceiro acto e Serva me, servabo te, e combinalas ao longo do ano. “O obxectivo -afirmou- é favorecer a dinamización do sector, priorizar a incorporación activa de profesionais e optimizar os períodos de exhibición de xeito coordinado cos escenarios receptores dentro e fóra de Galicia”.
 
Impulso á creación galega
“Este ano damos á creación teatral galega o maior impulso da última década nunha mesma temporada cun investimento próximo ao millón de euros”, indicou o conselleiro referíndose a que o CDG incrementa o seu número de producións propias para este ano, con tres montaxes postas en pé por tres equipos artísticos diferentes. Como sinalou, isto supón a contratación de máis de 50 profesionais da interpretación, dos deseños artísticos e dos oficios escénicos. O CDG tamén reforza a súa actividade coas coproducións postas en marcha con tres salas escénicas viguesas, ao tempo que se retomará o proxecto internacional Nós, se levarán a cabo programas de dramaturxia e se establecerán novas sinerxías coa Escola Superior de Arte Dramático de Galicia.
 
Ademais, o Salón Teatro, sede do CDG que acaba de cumprir o seu centenario, inicia 2021 estreando tecnoloxía para emitir en directo e gravar os espectáculos, ademais de poñer en marcha unha campaña escolar de visitas en liña. Ambas iniciativas suplirán as funcións presenciais para escolares e daranlle unha nova dimensión á faceta didáctica do CDG en canto ao seu labor divulgador e de creación de novos públicos.
 
“Esta programación é froito do compromiso da Xunta coa estabilidade e dinamismo do tecido escénico”, indicou o conselleiro. Neste sentido, recordou que no marco do Plan de Reactivación do sector cultural, programáronse o ano pasado 1250 funcións nos circuítos da Xunta, un 68% das cales foron de artes escénicas. Tamén se impulsaron programas de apoio ao sector que, en conxunto, superan os 4M€. Será algo que teña continuidade en 2021 para seguir gozando da cultura dun xeito seguro respectando as indicacións sanitarias en cada momento.
 
Elenco e equipo artístico
O charco de Ulises  sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto escrito por Cortegoso en 2010, dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Ulises permanece errante durante dez anos viaxando de illa en illa, vivindo aventuras inesquecibles, entre suculentos banquetes e fermosas mulleres. A idea do regreso á patria non o abandona nunca, pero a súa vida non había transcender se non saíra dela. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Buenos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.
 
Fran Paredes e Inés Salvado Gontad encarnan o papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan outros oito actores e actrices: Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.
 
No equipo artístico figuran Pablo Giráldez O Pastor no deseño de escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción.
 
Á estrea no Salón Teatro o xoves 14 ás 21,00 h. seguirán outras 18 funcións ata o 31 de xaneiro. As representacións serán os xoves ás 20,30 h., (o 21 e 28 con encontro do elenco co público tras a función), os venres e os sábados con pases dobres ás 17,30 e 20,30 h., e os domingos ás 18,00. O domingo 24 levarase a cabo unha función inclusiva, apoiada con interpretación en lingua de signos e que inaugurará a emisión en streaming do CDG.
 
Sesión con atención á diversidade
Ademais, o mércores 20, ás 20,30 h., está programada unha sesión denominada descontraída, con máis tolerancia respecto dos ruídos ou movementos no patio de butacas, especialmente destinada a persoas que poidan sentirse máis cómodas nese contorno así como aquelas con déficit de atención, espectro autista ou deficiencias intelectuais, sensoriais, sociais ou de comunicación.
 
As entradas para asistir ao espectáculo poderán adquirirse no despacho de billetes do número 34 da rúa Nova compostelá, nos días de apertura desde dúas antes de cada función, e de xeito anticipando en liña a través da web ataquilla.com. Canda a estrea, publicarase e porase á venda o texto do espectáculo, que fará o número seis dentro da colecciónde libros do Centro Dramático GalegoO papel do teatro, que mantén a Xunta de Galicia coa editorial Positivas.
 
Tras a súa estadía en Santiago de Compostela, O charco de Ulises retomará as representacións nunha xira por distintos escenarios galegos durante os meses de novembro e decembro de 2021. 


-Venda electrónica de entradas

-Dossier do espectáculo