O CDG publica o texto do espectáculo 'O charco de Ulises' na súa colección editorial 'O papel do teatro'

  Recolle a versión en galego da obra escrita por Santiago Cortegoso que estreou a compañía pública o pasado 14 de xaneiro

  O volume, coeditado pola Axencia Galega das Industrias Culturais e Edicións Positivas, está tamén á venda na Libraría Institucional da Xunta de Galicia

O CDG publica o texto do espectáculo 'O charco de Ulises' na súa colección editorial 'O papel do teatro'
[28/01/2021]
A versión en galego da obra orixinal de Santiago Cortegoso O charco de Ulises, realizada para o espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), constitúe o sexto número da colección editorial O Papel do Teatro, coa que se lle dá difusión aos textos das producións propias da compañía pública galega. A publicación, promovida en réxime de coedición entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e a editorial compostelá Positivas, preséntase nun formato de peto de 100 páxinas, con fotografías a cor que reproducen escenas da obra O charco de Ulises, estreada polo CDG o pasado 14 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago de Compostela baixo a dirección do propio Cortegoso xunto con Marián Bañobre.
Ademais da peza, o exemplar inclúe artigos asinados por Fran Núñez, director do CDG, pola dirección de escena, así como a relación dos integrantes dos equipos artístico e técnico da montaxe interpretada por Fran Paredes, Inés Salvado Gontad, Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo, Paulo Serantes, e o músico Xosé Lois Romero.
 
O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero A Odisea nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito inicialmente en 2010 dentro do programa Iberescena e retomado anos despois nos talleres de dramaturxia do CDG, xera un diálogo co mito orixinal de Ulises para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Ulises permanece errante durante dez anos viaxando de illa en illa, vivindo aventuras inesquecibles, entre suculentos banquetes e fermosas mulleres. A idea do regreso á patria non o abandona nunca, pero a súa vida non había transcender se non saíra dela. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Buenos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.
 
Como explican Cortegoso e Bañobre na súa presentación, O charco de Ulises “trata da viaxe como concepto vital da existencia do ser humano no tempo, trata dos movementos migratorios, do multiculturalismo, da necesidade ─ou non─­ de traspasar calquera fronteira. Fai unha relectura do clásico universal de Homero contextualizándoo nun fenómeno sociolóxico que marcou a historia do pobo galego”.
O charco de Ulisespode mercarse xa a un prezo de 9,50 euros a través da Libraría Institucional da Xunta de Galicia e está tamén dispoñible nos principais puntos físicos de venda galegos.

-Mercar na Libraría Institucional da Xunta de Galicia