A Xunta presenta en Clermont-Ferrand unha versión ampliada de 'Shorts from Galicia' para reforzar a difusión das curtametraxes galegas

  O catálogo ofrece novos contidos interactivos e aumenta a nove os títulos da súa escolma, que inclúe as tres curtametraxes coas que Xacio Baño, Alberto Vázquez e Eloy Domínguez Serén compiten desde hoxe no prestixioso festival francés

  O departamento de Industrias Culturais da Consellería de Cultura organiza un dos Market Program, no que os profesionais inscritos no mercado do encontro poderán ver en liña outros cinco traballos galegos

A Xunta presenta en Clermont-Ferrand unha versión ampliada de 'Shorts from Galicia' para reforzar a difusión das curtametraxes galegas
[31/01/2021]
A versión renovada e ampliada do catálogo Shorts from Galicia, editado cada ano pola Xunta para a promoción exterior da máis recente produción galega no ámbito das curtametraxes, inicia a súa difusión internacional no Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, que se desenvolve integramente en liña desde hoxe e ata o 6 de febreiro.

Este encontro, referente mundial para os profesionais que se dedican á produción e distribución audiovisual neste formato, contará cunha destacada presenza galega, comezando por dúas das súas seccións a concurso: a competición internacional, na que se exhibe Os corpos, documental de Eloy Domínguez Serén sobre os entroidos ourensáns, e a Labo, onde foron seleccionados o documental experimental Augas abisais, de Xacio Baño, e a fita de animación Homeless Home, coa que Alberto Vázquez obtivo o premio do xurado no festival de Annecy (Francia).
 
Estas tres pezas contarán co apoio da Xunta na súa difusión como parte do catálogo Shorts from Galicia 2021, que inclúe igualmente as curtametraxes La penumbra, de Dani Viqueira; A loba, de Iria Silvosa, e Vestiges (An Archipelago), de Enar de Dios Rodríguez, ademais dos avances de tres obras aínda en fase de desenvolvemento: Ningún río me protexe a min, de Carla Andrade; Ratatouille, de Sol Mussa, e Rompente, tamén de Eloy Domínguez Serén.
 
Vídeo-pitching
Para favorecer a súa promoción en liña, o catálogo conta este ano cun formato máis amplo e con novos contidos, como o acceso aos video-pitching nos que son os propios directores os que explican as súas creacións. Ofrécese tamén o visionado das curtametraxes, baixo demanda e previa solicitude de contrasinal, para os axentes culturais interesados.
 
Con motivo desta primeira edición totalmente dixital do encontro francés e do seu mercado profesional, o departamento de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade estableceu unha axenda de reunións con representantes de destacados festivais internacionais acreditados para presentarlles esta nova entrega de Shorts from Galicia e facilitarlles o seu visionado, co fin de contribuír á selección destas curtas nos eventos que organizan.
 
Once traballos galegos no mercado
Todos eles, así como o resto de profesionais inscritos na plataforma do 36º Marché du Film de Clermont-Ferrand, están tamén convidados ao Market Programme dedicado á produción audiovisual galega máis recente e no que se proxectarán outros catro títulos de Shorts from GaliciaLa penumbra,A loba, Vestiges (An Archipelago) e o avance de Ningún río me protexe a min−, xunto coa curta de animación Hijos del cuerdo, de Borja Santomé Rodríguez.
 
Ademais, tanto as tres curtas galegas a concurso como The Monkey, de Xosé Zapata e Lorenzo Degl’Innocenti, están incluídas nos programadas de visionado ofrecidos polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), en colaboración coas delegacións das diferentes comunidades autónomas participantes no mercado de Clermont-Ferrand.
 
Profesionais e películas de máis de sesenta países darante cita estes días na plataforma Shortfilmwire, a través da que o festival organizou un ambicioso programa en liña con proxeccións, presentacións, reunións en liña e masterclass, entre outras actividades.
 
-Vídeo promocional
-Catálogo en liña