A Xunta inicia con Chévere e Talía Teatro un novo modelo de apoio á actividade continuada das compañías con proxectos plurianuais

  Son as primeiras beneficiarias dunha nova modalidade de axudas de carácter trianual, creada dentro da liña de subvencións á actividade escénica para favorecer o traballo a medio prazo e con equipos estables de formacións xa consolidadas

  O eixo central do proxecto 2020-2022 de Chévere confórmano dúas montaxes cunha reflexión medioambiental como nexo común: ‘As fillas bravas e o mito de Casandra’ e ‘Nevermore’, título provisional da súa próxima produción

  Talía Teatro levará a escena ‘A parábola do angazo’ e unha versión en gran formato de ‘Morte accidental dun anarquista’, baixo a dirección de Cándido Pazó

A Xunta inicia con Chévere e Talía Teatro un novo modelo de apoio á actividade continuada das compañías con proxectos plurianuais
[10/02/2021]
Grupo Chévere e Talía Teatro, dúas das compañías coas traxectorias máis consolidadas e estables do actual panorama escénico galego, están a inaugurar un novo modelo de apoio da Xunta para potenciar o traballo a medio prazo e a continuidade de equipos e proxectos das empresas teatrais. Con esta meta púxose en marcha en 2020 unha nova modalidade de axudas autonómicas para proxectos de carácter trianual, no marco da liña de subvencións á creación escénica do departamento de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Cunha achega de 100.000 euros no caso de Talía e de preto de 95.000 euros, no de Chévere, ambas as formacións son as primeiras beneficiarias nesta categoría, convocada canda a outras tres modalidades dirixidas especificamente a novas compañías, a propostas de danza e artes do movemento e a espectáculos de teatro, maxia e novo circo. En total, foron 29 os proxectos doutras tantas compañías galegas adxudicatarios na última convocatoria á creación escénica, dotada con 800.000 euros.
 
Catro producións principais con accións asociadas
Cada un dos proxectos 2020-2022 presentados por Chévere e por Talía articúlanse arredor da produción e distribución de dous espectáculos principais, que dan pé ao desenvolvemento dunha serie de accións paralelas que van dende actividades formativas e pedagóxicas ata programas de creación de públicos para as artes escénicas, pasando pola investigación en diferentes narrativas asociadas ao feito teatral.
 
Premio Nacional de Teatro en 2014 e con máis de 30 anos de traxectoria, sempre con propostas orixinais, irreverentes e comprometidas, Chévere reúne un equipo de preto de 15 persoas nas dúas producións presentadas a esta convocatoria: As fillas bravas e o mito de Casandra, estreada o pasado mes de setembro, e Nevermore, título provisional da proposta que está comezando a súa construción dramatúrxica cara ao desenvolvemento dos ensaios durante os meses do verán. A crise da forma de vida actual polo cambio climático, ao que se suma a pandemia mundial da covid-19, é o tronco temático común destes dous proxectos, que se aborda en cada caso desde moi diferentes perspectivas, formatos e estratexias.
 
Se ben a irrupción e a evolución da actual crise sanitaria implicou unha reorganización temporal e dos procesos de traballo para ambas compañas, As fillas bravas e o mito de Casandra ten previsto retomar en marzo as súas representacións. Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar volven poñerse na pel destas tres mulleres maiores e de aldea, bravas e cantareiras, usando as fontes do teatro clásico grego e da música tradicional galega como ferramentas para a súa singular conversa cantada. A través dela, tratan de entender o cambio climático e aplicar a sabedoría popular para facerlle fronte, ao tempo que lle ofrecen ao público novos modelos de empoderamento feminino.
 
Xesús Ron púxose á fronte da dirección desta obra, así como da segunda produción, bautizada provisionalmente como Nevermore e para a que Chévere contará cun elenco de seis intérpretes: ademais das actrices de As fillas bravas, Miguel de Lira, Manuel Cortés e Borja Fernández. A compañía atópase nestes momentos combinando os procesos de investigación, documentación e construción dramatúrxica deste proxecto, co obxectivo de que poida estrearse á volta do verán.
 
Equipo e infraestrutura propios
Tamén son máis de tres décadas as que leva Talía Teatro en escena, apostando por un modelo de compañía cun equipo artístico e técnico estable −actualmente integrado por 11 persoas−, un amplo repertorio sempre en distribución e unha infraestrutura propia. Neste caso, prepara a estrea para finais do mes de setembro de A parábola do angazo, un monólogo de Artur Trillo no que, de novo, porá en valor a lingua galega a partir de  anécdotas sobre o noso idioma e de feitos históricos arredor del.
 
Ao tempo, Cándido Pazó está xa a traballar na dramaturxia de Morte accidental dun anarquista, a coñecida obra do italiano Dario Fo, da que Talía fará unha versión en gran formato baixo a súa dirección e con nove actores e actrices en escena.

Na imaxe, As fillas bravas e o mito de Casandra. Foto: Leticia T. Blanco