A Xunta abre o prazo de selección para coproducir tres novos espectáculos de danza co Centro Coreográfico Galego

  A iniciativa vai dirixida a profesionais do sector, que recibirán unha achega de ata 18.000 euros por parte da Consellería de Cultura, ademais de poder utilizar as instalacións do CCG na Coruña para o desenvolvemento do proxecto

A Xunta abre o prazo de selección para coproducir tres novos espectáculos de danza co Centro Coreográfico Galego
[12/02/2021]
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade acaba de abrir o proceso de selección para a coprodución de tres novos espectáculos de calquera modalidade de danza co Centro Coreográfico Galego (CCG) ao longo deste ano. A convocatoria, publicada hoxe no web de Agadic, inclúe a contratación da estrea e parte da exhibición dos proxectos elixidos. O prazo para a presentación de solicitudes comeza mañá e prolongarase durante 20 días naturais.

As bases diríxense de xeito específico a profesionais da produción escénica que realicen a súa actividade maioritariamente en Galicia, quen deberán presentar proxectos orixinais que non fosen producidos con anterioridade. Os espectáculos seleccionados recibirán unha achega económica que non poderá exceder o 80% do orzamento total do proxecto, cun máximo de ata 18.000 euros para cada un deles. Ademais, disporán das instalacións do CCG, na Coruña, para os ensaios e a montaxe das pezas.

Segundo se recolle no documento publicado hoxe, o prazo de execución dos proxectos elixidos non poderá superar os 12 meses a partir do contrato. Así mesmo, ás persoas adxudicatarias se lles require acreditar a estrea do espectáculo e a realización dun mínimo de dúas representacións durante a duración do contrato, a maiores da estrea e das actuacións contratadas nas redes xestionadas pola Xunta de Galicia.

As solicitudes para participar no proceso deberán xuntar unha memoria explicativa, incluíndo ficha de produción, o interese cultural e artístico do proxecto, e estratexias de difusión e promoción, entre outros datos. Acompañarase tamén o orzamento desagregado en gastos de persoal, produción e promoción, así como o historial do equipo artístico. Para a selección dos proxectos crearase unha comisión de valoración, integrada por tres profesionais do ámbito das artes escénicas galegas, que terán en conta as características técnicas e económicas das propostas.

Produtos culturais competitivos
O obxectivo desta acción, promovida pola Xunta por quinto ano consecutivo a través dunha convocatoria pública, é favorecer a produción de danza en todas as súas modalidades, impulsar a creación de espectadores para esta disciplina escénica, consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno e, en definitiva, a busca da excelencia nos produtos culturais galegos.

Na última adxudicación, os proxectos seleccionados foron Festina lente, de Andrea Quintana, Tres tristes 2.0, de Kirenia Danza, e Umbral de Javier Martín, os tres actualmente en desenvolvemento e que se suman así ás coproducións de anteriores temporadas: Médula, de Artestudio; Bailar agora, de Marta Alonso Tejada; E-migrantas, de Kirenia Martínez Acosta; Pink Unicorns, de La Macana; Directo 9, de Pisando Ovos; Corps Sonore, de SóloDos; Son, de Nova Galega de Danza, e Atlántica, de BalletNorte.

[Na imaxe, Kirenia Danza]

-Máis información en http://www.agadic.gal/Avisos/detalles/702