A Xunta e as industrias culturais avanzan da man no deseño do novo hub cultural coa análise das primeiras propostas

  O director da Agadic, Jacobo Sutil, explicou no Parlamento que este proxecto de 9,6M€ nace como unha aposta de innovación fronte á covid

  Recordou que desde xaneiro se están recibindo ideas dos sectores do audiovisual, musical e dos videoxogos que o Goberno autonómico está avaliando

  Animou aos profesionais a seguir presentando proxectos e indicou que se traballa co horizonte de que os primeiros se poidan realizar xa este mesmo ano

A Xunta e as industrias culturais avanzan da man no deseño do novo hub cultural coa análise das primeiras propostas
[25/02/2021]

A Xunta de Galicia e o sector cultural avanzan da man no deseño do novo hub das industrias creativas con proxectos do campo audiovisual, musical e dos videoxogos que o Goberno autonómico está xa avaliando coa intención de que os primeiros poidan realizarse xa este mesmo ano. Así o expuxo hoxe no Parlamento o director de Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, quen repasou o estado desta iniciativa que, cun orzamento de 9,6M€, funcionará como laboratorio cultural e artístico e permitirá acelerar a reactivación do sector.


Na súa intervención, Jacobo Sutil salientou o carácter “participativo e dialogado” deste proceso desde finais do ano pasado cando foi presentado aos distintos sectores aos que se lles solicitaron propostas para que a Xunta poida estudar a súa inclusión. “Son iniciativas que melloran a competitividade das empresas culturais galegas, que deben xerar postos de traballo e integrar a maior parte da cadea de valor”, indicou. Así, desde o mes de xaneiro, a Xunta está recibindo diferentes iniciativas e animou á participación porque, dixo, “o camiño só acaba de empezar”.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade informou de que nestes momentos se están a manter xuntanzas coas entidades implicadas para coñecer de primeira man as súas ideas, aclarar dúbidas e prestar apoio para enfocar os proxectos aos obxectivos dos fondos do programa REACT da Unión Europea. “O hub das industrias creativas é un proxecto novo e ilusionante no que queremos que o sector sexa o verdadeiro protagonista”, apuntou.

Novas medidas en marcha
No marco do apoio ao sector, Jacobo Sutil recordou que a Xunta ten en marcha o Plan da Reactivación da Cultura que permitiu realizar o ano pasado máis de 4.500 actividades e ten unha nova inxección económica para estes primeiros meses do ano de 23 millóns de euros máis. Este reforzo no investimento está a permitir poñer en marcha liñas de traballo que dean continuidade a actividade cultural, ao tempo que axude a adaptarse á actual situación.

Neste sentido, referiuse aos 3,5M€ nas diferentes liñas de axuda en marcha nestes momentos para a produción audiovisual e organización de festivais audiovisuais, así como para a programación en salas de concertos. Avanzou, ademais, a inminente convocatoria de subvencións para salas privadas de artes escénicas, talento audiovisual, así como para creación escénica, e festivais e distribución de artes escénicas e musicais. Asimesmo, están xa acordadas co sector as novas axudas ás salas de distribución.