O Centro Dramático Galego reforzará as accións a prol da igualdade na produción, difusión, gobernanza e comunicación

  No Día Internacional da Muller, a unidade de produción escénica da Xunta formalizou a súa adhesión á iniciativa ‘Temporadas de Igualdade MH nas artes escénicas’, promovidas pola Asociación Clásicas e Modernas

  A análise da oferta escénica da temporada 2018-2019 situou o Salón Teatro como un dos espazos máis paritarios de España, tendencia que se mantén na actualidade

  A paridade reflíctese tamén nas últimas producións propias, nas que a porcentaxe de mulleres supera o 50% tanto no conxunto dos elencos coma no dos equipos de dirección e dramaturxia

O Centro Dramático Galego reforzará as accións a prol da igualdade na produción, difusión, gobernanza e comunicación
[08/03/2021]
O Centro Dramático Galego (CDG) da Xunta de Galicia vén de sumarse á iniciativa Temporadas de Igualdade MH nas artes escénicas, promovida pola asociación para a igualdade de xénero na cultura Clásicas e Modernas. O director do CDG, Fran Núñez, formalizou a adhesión xunto coas representantes do colectivo en Galicia Mariana Carballal e Estíbaliz Veiga, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller. Deste xeito o CDG comprométese a impulsar accións a prol da igualdade nos ámbitos da produción e a difusión, da gobernanza e da comunicación por un período de tres anos, en liña co traballo desenvolvido pola anterior dirección.
A través deste acordo, o Centro Dramático Galego realizará unha avaliación anual con todos os datos desagregados por sexo para ter un diagnóstico da súa oferta de artes escénicas desde a perspectiva de xénero. A asociación Clásicas e Modernas facilitará a metodoloxía, axustada aos criterios de elaboración do informe Onde están as mulleres?, editado pola Fundación SGAE. A medición ten como obxectivo coñecer os puntos de partida, avances ou retrocesos en cada temporada.
 
O Salón Teatro, escenario paritario
Neste sentido, cómpre salientar que a unidade de produción escénica da Xunta participou no informe da temporada 2018-2019, que recolleu información de 579 espectáculos de 24 teatros nacionais e autonómicos. A análise das funcións ofrecidas no Salón Teatro de Santiago de Compostela deu uns resultados que o sitúan como un dos teatros máis paritarios de España.
 
Así, dos 18 espectáculos ofrecidos polo espazo da Xunta nese período, as porcentaxes correspondentes a autoras e a directoras ascendeu ao 56% en ambos casos, fronte ao 22% e o 25% de media nacional. No eido da versión, a adaptación e a dramaturxia, o resultado foi de 50% de mulleres, fronte ao 28% da media nacional. Pola contra, na coreografía a presenza feminina foi menor, cun 33%, fronte ao 53% da media. Tamén se reduce a participación das mulleres na composición, cun 20%, aínda así moi superior ao 9% de media do conxunto dos espazos analizados.
 
A paridade reflíctese tamén na análise das tres producións propias da temporada 2020-2021, nas que os elencos estiveron formados por un 52% de mulleres e os equipos de dirección e dramaturxia por un 57%.
 
Compromisos de adhesión
Como entidade asociada ás Temporadas de Igualdade MH, o CDG deberá seguir avanzando cara a un equilibrio nas programacións, tanto dos textos coma dos espectáculos escritos ou postos en escena por mulleres e por homes. Traballarase tamén en dedicarlles os mesmos medios de coprodución a autoras e autores, así como en acoller nas residencias tantas artistas mulleres coma homes. Asemade, repartiranse de xeito igualitario os recursos financeiros dedicados á produción e programación.
 
No eido da gobernanza, integrarase o criterio de igualdade na constitución dos equipos, permitirase o acceso igualitario aos postos de responsabilidade e inscribirase a paridade no seo dos xurados e comités de selección. A igualdade salarial e o reparto das responsabilidades son outras das cuestións polas que se debe velar ao abeiro da adhesión, así como pola aplicación do xénero feminino aos nomes dos oficios.
 
Canto á comunicación, as accións a prol da igualdade deben integrase en todas as canles, tanto internas coma externas.
 
Pola súa banda, a asociación Clásicas e Modernas comprométese a facilitarlle ao CDG asesoramento experto en metodoloxías de investigación e formación en xénero aplicadas aos equipos que xestionan e instrumentalizan a produción e difusión de artes escénicas. O colectivo tamén dará orientación para o deseño de manuais ou códigos de boas prácticas conforme ao establecido na Lei Orgánica de Igualdade e na Carta pola Igualdade de Trato e Acceso da Comunidade Europea.