Vilagarcía de Arousa acolle cinco actuacións escénicas ata xuño a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

  O circuíto retoma mañá a actividade programada en colaboración co Concello

  ‘Despois das ondas’, de ButacaZero, abre a programación, que se desenvolverá no Auditorio Municipal

Vilagarcía de Arousa acolle cinco actuacións escénicas ata xuño a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
[05/03/2021]

A Xunta promove ata xuño cinco actuacións escénicas en Vilagarcía de Arousa, no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). As funcións de teatro e danza organizadas en colaboración co concello desenvolveranse no Auditorio Municipal. A carteleira con todas as funcións e horarios pódese consultar no web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en Cultura de Galicia


Así, mañá terá lugar a representación de Despois das ondas, de ButacaZero. Nesta peza que mestura cine en directo, teatro e música poderanse percorrer os lugares e momentos da vida da actriz galega María Casares na súa viaxe de retorno tras corenta anos de exilio. O 27 deste mes exhibirase a comedia Feminíssimas, de De Ste Xeito Producións, unha creación colectiva coa amizade como fondo e o feminismo, e as diversas maneiras de entendelo, como forma.

Xa en abril, o 17, volverá ButacaZero coa súa peza 32m2, un enredo sobre o confinamento, cheo de poética e un humor tan absurdo como popular, co que todo o público poderá sentirse identificado. Ese mes pecharase co espectáculo de danza tradicional DeMente, de Fran Sieira-Compañía de Danza, previsto para o día 30. Nel, tras anos de investigación sobre as doenzas mentais, búscase darlles visibilidade a estas enfermidades fronte ao rexeitamento social e marxinación que soen provocar.

Finalmente, o 8 de maio chegará Conexión Pingüín, de Culturactiva, unha reflexión cómica sobre a incomunicación na era da comunicación, a través de dous tempos e dúas voces. Por unha banda, a peza trasladará o público ao ano 1923, nunha famosa expedición ao polo sur magnético, e, por outra, a unha conferencia formal que case un século despois rememora aquela fazaña.

Máis de 300 actuacións en 40 concellos
Deste xeito, a Rede Galega de Teatros e Auditorios retoma a actividade, suspendida nas últimas semanas por mor das restricións da covid-19, como o programa cultural máis intenso e extenso de todos os promovidos pola Xunta. Cómpre salientar que a programación total deste primeiro semestre ofrece máis de 300 actuacións musicais e escénicas en 40 concellos da Rede, coa participación de 110 formacións artísticas profesionais. Mobilízanse así contratacións por valor aproximado dun millón de euros, cofinanciados entre a Xunta e os concellos asociados.

[Imaxe de Feminíssimas]