A Xunta apoia un ano máis os Premios Mestre Mateo a prol da proxección da industria do cinema e a televisión

  A Academia Galega do Audiovisual, organizadora dos galardóns, deu a coñecer hoxe na Coruña as candidaturas finalistas desta 19ª edición

A Xunta apoia un ano máis os Premios Mestre Mateo a prol da proxección da industria do cinema e a televisión
[10/03/2021]
A Xunta de Galicia suma un ano máis o seu apoio aos Premios Mestre Mateo, organizados pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) e que chegan á súa 19ª edición. A través da súa implicación, o Goberno galego quere reforzar a proxección da industria do cinema e a televisión, así como darlle visibilidade ao traballo desenvolvido polo audiovisual galego nun ano especialmente difícil para a cultura por mor das restricións derivadas da covid-19.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe no acto de presentación da cerimonia de entrega e anuncio dos finalistas, desenvolvido na Coruña coa intervencións dos representantes das demais entidades e institucións colaboradoras. Segundo sinalou, o apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade aos galardóns responde ao “convencemento de que o incentivo e o estímulo profesional contribúen a un mellor desenvolvemento da creatividade e a unha maior visibilidade dos nosos filmes, dos seus artífices e dos seus protagonistas”.
 
O director da Agadic agradeceu o esforzo feito polo sector para seguir cara adiante  adiante malia a situación vivida pola pandemia e destacou o éxito acadado por diferentes películas e series de factura galega. Moitas delas anunciáronse hoxe entre as finalistas dos Premios Mestre Mateo 2021, como OnsA illa das mentiras,  ArimaLúa vermella9 FugasEl desorden que dejasNéboaO sabor das margaridas ou Auga Seca.
 
Referiuse tamén á capacidade de adaptación a novas realidades que demostraron nestes meses tanto os profesionais como as administracións que os apoian. Neste sentido, salientou o plan urxente de reactivación cultural deseñado pola Xunta a partir da permanente escoita ás demandas do sector, o que permitiu reformular prazos, condicións e requirimentos das principais liñas de subvención para facilitar a continuidade dos proxectos e das contratacións.
 
Ademais, para Jacobo Sutil, a boa resposta que está a dar o público ante a reapertura das salas de exhibición proba que os XIX Premios Mestre Mateo chegan “no momento máis oportuno, no de posta en marcha de toda a engrenaxe que nos pode guiar a un futuro en positivo”.
 
Cerimonia de entrega
Os Premios Mestre Mateo 2021, aos que se presentaron 146 obras e 424 candidaturas profesionais, entregaranse o 10 de abril no Teatro Colón da Coruña co recoñecemento a 25 categorías, das que 9 son de produción e 16, profesionais. A gala, que seguirá estritamente todos os protocolos sanitarios, será dirixida polo actor e director teatral Tito Asorey e presentada pola humorista Lucía Veiga.

- Listaxe completa de finalistas