A Xunta incrementa ata 194.000 euros a dotaciˇn das axudas ao fomento do talento audiovisual para apoiar 19 novos proxectos

  O DOG publica hoxe a convocatoria para 2021 desta liña de subvención, que incorpora por vez primeira o apoio a webseries e a curtametraxes xa realizadas

  Contribuirase á escrita de seis guións para longas, á produción de oito curtas e á realización de tres longametraxes de dirección novel e dúas webseries

A Xunta incrementa ata 194.000 euros a dotaciˇn das axudas ao fomento do talento audiovisual para apoiar 19 novos proxectos
[24/03/2021]
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases da convocatoria anual de subvencións á promoción do talento audiovisual galego cun incremento de ata 194.000 na súa dotación e a inclusión por vez primeira do apoio a webseries e a curtametraxes xa realizadas. Os novos apartados de axuda súmanse así ás categorías contempladas en anos anteriores para escrita de guións, produción de curtas sobre proxecto e longametraxes de dirección novel.
 

Esta Resolución da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que se resolverá en réxime de concorrencia competitiva, foi unha das que se reformulou o pasado ano no marco das modificacións extraordinarias dirixidas ao sector cultural recollidas no plan de reactivación fronte aos efectos da covid-19, cun aumento dos 156.000 ata os 178.000 euros no seu orzamento e de 15 a 19 no número de propostas beneficiarias. O novo incremento deste ano supón un 24,3% de crecemento respecto á dotación da convocatoria inicial de 2020 e consolida ata seis modalidades e submodalidades de apoio para outros 19 novos proxectos.
 
Así, a Modalidade A diríxese á escrita individual de guión en galego para longametraxes, ben sexan obras orixinais ou adaptacións de obras literarias. Segundo a distribución do crédito estipulada, neste apartado poderán estimarse seis proxectos, con 5000 euros para cada un deles.
 
Na Modalidade B, de subvencións a curtametraxes de duración inferior a 60 minutos, desagrégase este ano en dúas categorías: a B1, para curtas sobre proxecto (para seis propostas e 6000 euros), e a B2, para curtas en construción, gravadas en versión orixinal galega e que realicen traballos de posprodución en Galicia. Serán 4000 euros para cada un dos dous posibles proxectos beneficiarios dentro deste apartado).
  
A Modalidade C destínase a tres proxectos de longametraxes en versión orixinal galega cunha duración igual ou superior aos 60 minutos, que se correspondan con propostas de especial valor artístico e creativo e que conten cunha persoa realizadora que non dirixise ou codirixise máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica. Esta categoría terá unha contía de 30.000 euros por título.
 
A Modalidade C é a que incorpora o formato de webseries, sempre que teñan un mínimo de tres capítulos con duración de polo menos 30 minutos, unidade argumental e continuidade entre episodios. Serán dous proxectos deste tipo os que poidan obter subvención, con 15.000 euros para cada un deles.
 
Adxudicacións de 2020
Por medio desta liña, a ano pasado impulsáronse tres proxectos de realizadores que están a dar os seus primeiros pasos no formato de longa duración: Cando toco un animal, de Ángel Filgueira; Verbena, de Rafael de los Arcos; e Serra da estrela, de Carlos Martínez-Peñalver.
 
Así mesmo, apoiáronse os proxectos de guión presentados por Lucía Estévez, Antón Santos, Ángel Santos, Roberto González, Giselle LLanio, María Inés Cuadrado, Rubén Coca e Iria F. Sobrado, ademais das curtametraxes de Iván Díaz Nespereira, Carla Fernández Andrade, Avelino David Fidalgo, Marta Rodríguez Valverde, Sara Pisos Gutiérrez, Brandán Cerviño,  Irene Basanta e Borja Santomé.

-Bases publicadas no DOG