Novas
A Xunta colabora co TradFest de Santiago, que reúne máis de 60 artistas para festexar a música de raíz



[26/07/2021]
Santiago de Compostela festexará o vindeiro sábado 31 a contemporaneidade da nosa música de raíz cunha nova edición do TradFest, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de 20 concertos, ruadas e unha feira de artesanía, entre outras actividades, coa participación de máis de 60 artistas.O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do evento xunto con Gonzalo Muíño, concelleiro de Festas de Santiago, e os representantes da organización: Vítor Belho, de Nordesía Producións, e Mauro Senín, de aCentral Folque. Interveu, así mesmo, Antía Ameixeiras, unha das artistas que actuarán no encontro promovido polo Concello de Santiago e La Voz de Galicia.
Máis de 3000 actividades este verán
Sutil subliñou a relevancia, nestes tempos marcados pola situación sanitaria, de propostas que, como esta, ofrecen unha plataforma de difusión e contratación para os profesionais da nosa música e da nosa cultura, posibilitando a reactivación da actividade no sector e o reencontro co público. Destacou, ademais, que nesta mesma liña está a traballar a Xunta de Galicia, prestando o seu apoio á continuidade de iniciativas como a marca FEST Galicia e os seus 13 festivais de música asociados e programando máis de 3000 actividades durante todo o verán no marco da celebración do Xacobeo 21-22.
O apoio do Goberno galego ao TradFest recoñece tamén o seu papel na posta en valor da música popular actual como herdeiro do antigo Certame Folk de Santiago. Enmarcado na programación das Festas do Apóstolo, o evento inclúe as actuacións da Banda das Crechas, Felisa Segade, Os da Porfía, Marcos Coll, Caamaño & Ameixeiras e Sheila Patricia na praza da Quintana, mentres que no parque de Bonaval se unirán tamén Antonio Prado e Miguel Vázquez, Mózart á Galega, Tobie Miller, Tor, Grupo 1500, Xico de Carinho e Cuchús Pimentel, Najla Shami, Arredor da Tradición, Caldo e Cuarteto Caramuxo, entre outros.
-TradFest