O programa da Xunta 'Cultura no Cami˝o' bate o seu rÚcord de participaciˇn con 164 concellos adheridos

  O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presenta a novena edición deste programa que medra un 25% en relación ao pasado ano

  Adxudícanse 1MÇ en subvencións ás entidades locais para o desenvolvemento ata o 30 de setembro dun amplo circuíto de espectáculos escénicos e musicais, coa contratación de máis de 650 actuacións dunhas 240 formacións artísticas galegas

  O Goberno galego incrementa un 33% os fondos desta iniciativa, que reforza o seu papel dinamizador e descentralizador da oferta cultural galega no Xacobeo 21-22

O programa da Xunta 'Cultura no Cami˝o' bate o seu rÚcord de participaciˇn con 164 concellos adheridos
[28/07/2021]
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe a novena edición de Cultura no camiño, o programa da Xunta de Galicia que promove un amplo circuíto de espectáculos escénicos e musicais ata o mes de setembro e que este ano bate o seu récord de participación con 164 concellos adheridos, unha cifra que supón un incremento do 25% respecto ao ano pasado e de máis do dobre en relación á edición celebrada en 2019.
 
O titular de Cultura do Goberno galego aproveitou a presentación para destacar a importante relación que existe entre o desenvolvemento do tecido cultural e as rutas de peregrinación que funcionan “como arterias capaces de aportar identidade e historia ao noso pobo”. “Todos os Camiños son unha combinación única de tradición e proliferación creativa que transportan aos peregrinos ata o corazón de Galicia ofrecendo unha oferta cultural e variada que contribúe a reforzar a propia experiencia do Camiño”, engadiu.
 
Neste senso, celebrou o gran interese que esperta o programa Cultura no camiño que este ano logra bater o seu récord de participación. “A cifra de concellos que van participar nesta iniciativa demostra a consolidación desta cita como unha proposta diversa e de calidade que xa está sinalada con tinta vermella no calendario de todas as compañías e concellos”, sinalou antes de lembrar que o compromiso non se abandonou “nin sequera o pasado ano, no peor da pandemia, cando fomos quen de garantir que o programa continuase”.
 
Para o seu desenvolvemento ao abeiro do Xacobeo 21-22, o Goberno galego acaba de adxudicar un millón de euros en subvencións ás entidades locais que se sumaron a esta iniciativa, dotación coa que se cofinancia a contratación dunhas 240 formacións artísticas galegas para a realización de máis de 650 actuacións de teatro, música, maxia, novo circo e danza ata finais do mes de setembro.  Tal e como explicou o conselleiro de Cultura, trátase dun “escaparate privilexiado que este ano se presenta con máis variedade que nunca e que amosa o gran talento e calidade que atesouran os profesionais do noso tecido cultural”.
 
Patrocinio de Gadis
Na presentación, celebrada no Parque do Lago da Cidade da Cultura de Galicia, o conselleiro estivo acompañado por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); a Maga Fani e o músico Xoán Curiel, en representación dos artistas participantes, e Antonio Cortés, director de Responsabilidade Social Corporativa de Gadis, que un ano máis volve prestar o seu apoio como empresa patrocinadora deste circuíto de espectáculos.
 
A compañía de novo circo SU.MA foi a encargada de pechar o acto cun fragmento do seu espectáculo Ikigai, que foi seguido polos asistentes entre os que tamén se atopaban Anxo M. Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Ildefonso de la Campa, director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, así como representantes das compañías escénicas e grupos musicais que actuarán nesta programación.
 
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia volven colaborar nesta iniciativa, que este ano se reforza co obxectivo de impulsar a dinamización cultural a través dunha oferta descentralizada de artes escénicas e de música, que está a supoñer ademais a contratación de máis 240  compañías profesionais galegas no marco do Plan de reactivación cultural posto en marcha pola Xunta.
 
Así mesmo, está previsto que a carteleira que se despregará ata o 30 de setembro supere as 650 actuacións. Dáse así continuidade ao impulso que Cultura no Camiño recibira xa o ano pasado, cando a posta en marcha da primeira xeira do plan autonómico de reactivación cultural permitiu incrementar en máis do triplo a súa dotación e −malia as restricións provocadas pola pandemia− levar a cabo 410 funcións escénicas e concertos en 133 concellos.
Desta volta, a programación desenvolverase en 43 concellos da provincia da Coruña, que acollerán máis de 180 actuacións, 40 da de Lugo con 172 funcións xa confirmadas, 45 da de Ourense con 176 e 35 na de Pontevedra con preto de 130.
 
Ata un 80% de subvención
Os concellos subvencionados reciben axuda da Xunta para financiar unha importante porcentaxe da contratación dos espectáculos, que se sitúa nun 80% no caso dos municipios de menos de 20.000 habitantes e nun 60% para os de maior poboación. Ademais, en ambos os casos incrementáronse ata os 6000 euros as contías máximas da axuda.
 
Por xéneros artísticos, ademais do teatro cunha cifra superior ás 220 funcións, destaca a forte presenza da música con preto de 200 concertos, o novo circo con 130 citas e a maxia cun centenar de actuacións. De feito, entre os espectáculos con maior numero de contratacións por parte dos concellos de Cultura no Camiño atópanse a proposta circense de Darío Escudero e Pablo Rodríguez, os do Mago Brandán e o Mago Antón e os concertos de Odaiko.
 
Esta novena edición do circuíto arrancou o pasado día 15 coa actuación de Ghazafelhos na Guarda, que hoxe mesmo estará con A illa do tesouro en Trabada. Esta será unha das 58 citas previstas tan só entre hoxe e o domingo día 1 en 46 das localidades polas que Cultura no Camiño discorrera ata o 30 de setembro. A programación completa pode consultarse nas axendas das webs de Cultura de Galicia e Agadic.