A Xunta ofrece 31 actuacións escénicas na Costa da Morte ata final de ano a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

  Arranca na área o segundo semestre do circuíto cultural organizado en colaboración cos concellos, cunha función o venres en Cee

  A programación global de agosto a decembro inclúe 209 funcións de teatro, danza, música, novo circo e maxia en 36 localidades de toda Galicia

A Xunta ofrece 31 actuacións escénicas na Costa da Morte ata final de ano a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
[10/08/2021]
A Xunta ofrece ata final de ano 31 actuacións escénicas na Costa da Morte a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, das que dez terán lugar en Carballo, oito en Muros, outras oito en Cee e cinco en Vimianzo. A programación do segundo semestre deste circuíto cultural, organizado en colaboración cos concellos, arranca esta fin de semana con música en Cee. 

Así, o venres a Praza da Muller acolle ás 21,30 horas o concerto de NostálgicA. O grupo formado en 2020 por Diego Piñeiro (guitarra e voz), Carla Romalde (voz), Luis Fernández (batería) e Lupo (baixo), fai versións de artistas como Bonnie Tyler, Los Secretos ou Joaquín Sabina, entre outros.
 
As restantes actuacións previstas en Cee realizaranse no último trimestre do ano, con teatro e novo circo. O 12 de outubro Talía Teatro representará A parábola do angazo e, o 27 de novembro, Tarabela Creativa, Divas de diván. Tamén neste mes, o día 20, chegará a Cee o espectáculo Sen restricións, coas humoristas Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro.
 
O ano péchase en Cee con diversas funcións dirixidas especialmente ao público infantil, como o de novo circo Globotolo, da man de Barafunda, previsto para o 23 de decembro. O 26 será a quenda de Malasombra Producións, con Os fabulosos Cleaners, o 28, do Titiribaile, con A volta ao día en 80 mundos, e o 29, de Galitoon, con Güela-Güela. Todas estas funcións terán lugar no Auditorio da Casa da Cultura.
 
Programación en Carballo, Muros e Vimianzo
Pola súa banda, Carballo, Muros e Vimianzo arrancan a programación deste segundo semestre en outubro. Xa o día 1, chega ao Pazo da Cultura de Carballo Talía Teatro coa estreaA parábola do Angazo, mentres que o 9 o fará Contraproducións, con Cigarreiras, e o 23 Voadora con Othello. O Mercado Municipal acollerá senllos espectáculos de monólogos, con Xosé A. Touriñan, o día 8, e Luis Piedrahita, o 12. Neste mes haberá tamén novo circo con Ikigai de SU.MA. Será na xornada do 15 na Praza do Concello.
 
As funcións de decembro comezan con A viaxe da mina, de Maio Creacións, que terá lugar na Biblioteca Rego da Balsa o día 15. Como peche, o Pazo da Cultura será o escenario para Pinocchio, de Ghazafelhos, o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona e Orfeo, de La Canica, nas xornadas dos 28, 29 e 30.
 
Xa en Muros, o Centro Cultural e Xuvenil acollerá os sábados 9, 16 e 23 de outubro O premio, de La Quintana, O Camiño de Santiago, de EducaTeatro Producións, e  Feminíssimas, de De Ste Xeito Producións. En novembro será a quenda da danza, con Bailar agora, de Marta Alonso Tejada-Traspediante, o día 6. Na xornada do 13 volverá o teatro co Quixote de Pedras de Cartón. Finalmente, en decembro, ademais da peza teatral Tres vellas, de Producións Teatráis Excéntricas, o día 11, haberá novo circo da man de Teatro ao cubo, con Ghop, e Xampatito Pato, con . Estes últimos espectáculos están previstos para o 18 e o 30, respectivamente.
 
Vimianzo arranca tamén a programación do segundo semestre en outubro e faino o 16 con Dreaming Juliete de Elefante Elegante. O 30 dese mes será a quenda de Cigarreiras, de Contraproducións. O 13 de novembro chega Teatro do Noroeste con Gloria Nacional e en decembro farao a danza, da man de iXa Universos de Movemento con Pioneras, e novamente o teatro, con Estrela do día, de Producións Teatráis Excéntricas. Todas as funcións terán lugar no Auditorio.
 
Máis de 200 actuacións en 36 concellos
A Rede Galega de Teatros e Auditorios encara o segundo semestre do curso con 209 actuacións de teatro, danza, música, novo circo e maxia que chegarán a 36 concellos de toda Galicia. Deste xeito e pese aos adiamentos e suspensións polo peche sanitario de primeiros de ano, serán máis de 500 as funcións desenvolvidas durante 2021 no seo deste circuíto cultural cofinanciado pola Xunta e as preto de 40 entidades locais asociadas, para o que se conta cun orzamento global superior aos 1,6 millóns de euros.
 
Este segundo período de programación implicará a contratación de preto de 100 formacións artísticas profesionais de moi diferentes xéneros e estilos. Moitas delas chegan a esta carteleira a raíz da súa asistencia á última edición do mercado Galicia Escena PRO, organizado conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a asociación Escena Galega e na que estiveron acreditados, así mesmo, os responsables dos principais de teatros, auditorios, salas e festivais escénicos galegos.
 
Ademais das actuacións deste circuíto, pioneiro en Galicia no ámbito da exhibición de espectáculos de xeito profesional e coordinado, durante o período estival a Xunta de Galicia está a impulsar máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura e da programación especial do Xacobeo 21-22. 

[Imaxe de NostálgicA]