O Salón Teatro acolle partir de mañá os últimos ensaios da nova produción do CDG 'Serva me, servabo te'

  Representarase no espazo compostelán do 9 ao 26 de setembro, tras a súa estrea no Festival de Teatro Galego do Carballiño como espectáculo inaugural

  A peza, creada por Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez, sitúa o corpo como elemento central da escena para falar dos afectos e do colectivo

O Salón Teatro acolle partir de mañá os últimos ensaios da nova produción do CDG 'Serva me, servabo te'
[16/08/2021]
O Salón Teatro acolle a partir de mañá os últimos ensaios da nova produción do Centro Dramático Galego (CDG) Serva me, servabo te (axúdame e axudareite, en latín) para a súa representación neste espazo do 9 ao 26 de setembro. A estrea está prevista para o 5 de setembro no marco do Festival de Teatro Galego (FETEGA) do Carballiño, onde será espectáculo inaugural.
Con esta creación de Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez, a unidade de produción teatral da Xunta aposta por unha peza que sitúa o corpo como elemento central da escena para falar dos afectos e do colectivo, ademais de reivindicalo como materia que nos iguala sen distincións. Deste xeito, o escenario, no que se fantasía co derrubamento dun edificio de vinte alturas, preséntase como un corpo nu ante a inmensidade.
 
O espectáculo combina experiencia e xuventude tanto no seu equipo de interpretación coma no artístico. Así, conforman o elenco, no que destaca a elevada presenza de actrices e actores formados na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Belén Bouzas, Olga Cameselle, Bal Castro, Raquel Crespo, María Llanderas, Diego M. Buceta, Fran Martínez e Cris Vilariño.
Canto á parte artística, a recoñecida creadora escénica AveLina Pérez é a asistente de dirección. Pola súa banda, a escenógrafa, vestiarista e iluminadora Carmen Triñanes asume a iluminación e a videocreación, así como a escenografía de xeito compartido con Laura Iturralde. O vestiario corre a cargo do actor e deseñador Xoel Álvarez e o espazo sonoro, de Xabier Bértolo. Roberta Ferrara e Xandre Vázquez son asistentes de coreografía e de produción, respectivamente.

Funcións de xoves a domingo
O Salón Teatro acollerá funcións de Serva me, servabo te ata o 26 de setembro, de xoves a domingo. Haberá sesións ás 20,00 horas os xoves, venres e sábados, e ás 18,00 os domingos. As entradas poderán collerse no despacho de billetes dúas horas antes de cada representación. Como vén sendo habitual, tamén se poderán adquirir de xeito anticipado a través de ataquilla.com. O prezo é de 10 euros, con descontos do 40% para diversos colectivos e os domingos, Día do espectador.

Serva me, servabo te é a última das tres producións postas en marcha neste ano polo Centro Dramático Galego. O pasado xaneiro arrancaba a programación propia con O charco de Ulises, da que está prevista unha xira a finais de ano. En abril facíao Terceiro acto, que despois de estar un mes en cartel volveu o pasado xullo ao Salón Teatro, ademais de representarse na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
De cara á nova temporada, a unidade de produción teatral da Xunta avanzou xa as que serán as novas producións. Trátase dunha adaptación teatral de A peste, de Albert Camus, dirixida por Cándido Pazó, e de Ás 8 da tarde cando morren as nais, baixo a dirección de Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez.