A Xunta patrocina a versiˇn 'Limited' do Resurrection a travÚs da marca FEST Galicia e do Xacobeo 21-22

  Os directores de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron na presentación do festival de Viveiro, que se desenvolve entre mañá e o sábado nun formato adaptado ás medidas sanitarias

  Conta tamén con apoio autonómico como unha das 19 citas adxudicatarias das subvencións a festivais profesionais de música

A Xunta patrocina a versiˇn 'Limited' do Resurrection a travÚs da marca FEST Galicia e do Xacobeo 21-22
[25/08/2021]
O Resurrection Fest de Viveiro celebra desde mañá e ata o sábado a súa edición Limited, que lle permitirá reencontrarse co seu público nun formato especial e adaptado ás medidas sanitarias. Os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe na presentación do festival en representación da Xunta, que patrocina esta cita a través da súa marca FEST Galicia e do Xacobeo 21-22 para a promoción da nosa Comunidade como destino musical seguro e de calidade.

 Ademais, o Resurrection Fest Limited é un dos 19 eventos adxudicatarios das subvencións autonómicas a festivais profesionais de música, que este ano introduciron unha serie de modificacións nas bases para facilitar a adaptación destes encontros a un contexto sanitario que continúa a condicionar a súa organización.
 
Nava Castro e Jacobo Sutil acompañaron o director e subdirector do Resurrection Fest, Iván e David Méndez, na presentación que tivo lugar no recinto de festival e á que tamén asistiron o secretario xeral de Cultura, Anxo A. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias. Interviñeron, así mesmo, os representantes doutras das entidades e empresas patrocinadoras.
 
Festivais estratéxicos
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou o compromiso do Goberno galego cos festivais que, como o Resurrection, son estratéxicos tanto para o sector musical como para as localidades e comarcas nas que se desenvolven. Neste sentido, lembrou que a Xunta incrementou en 2021 o seu investimento neste ámbito como unha das medidas do Plan de reactivación do sector cultural, en recoñecemento ao esforzo dos equipos organizativos por sacar adiante os seus eventos facéndolle fronte aos efectos da pandemia.
 
Galicia, destino musical seguro
Así, as dúas principais vías de apoio económico do Goberno galego aos festivais profesionais de música suman este ano un orzamento de 840.000 euros. Dunha banda, a través de FEST Galicia, que se reforzou cun investimento de 500.000 euros, un 25% mais que en 2020, para patrocinar os 13 festivais adheridos.
 
Doutra, mediante a devandita convocatoria de subvencións a festivais de música, que se retomou este ano tras ser suspendida en 2020 ante a imposibilidade de levar a cabo os eventos nos seus formatos habituais. Esta liña de axudas distribúe outros 340.000 euros entre os 19 encontros beneficiarios.
 
En referencia ao Resurrection, Jacobo Sutil gabou a oferta desta versión Limited, que prima tanto a seguridade como a calidade da proposta. Cunha capacidade máxima que non superará as 1500 persoas por día, o recinto do campo de fútbol de Celeiro estará dividido en varios sectores e zonas para facilitar o tránsito e evitar aglomeracións.
 
No cartel deste ano, figuran coñecidas bandas da escena metal europea e estatal, como Kreator, Eluveitie, While She Spleeps, Angelus Apatrida, Jinger ou Destruction, ademais de bandas galegas como Bala, Aphonic ou True Mountains.

-Resurrection Fest