O FIC Va XIV volve contar co apoio da Xunta para unha edicion con mis de 30 curtas dunha ducia de pases

  É un dos 14 eventos adxudicatarios da convocatoria anual de axudas a festivais audiovisuais, que este ano aumentou o seu orzamento ata os 200.000 euros e tivo en conta o esforzo de adaptación á situación sanitaria

  O director de Industrias Culturais participou na presentación da sexta edición do encontro verinés, que terá lugar do 4 ao 12 de setembro no Auditorio Municipal

O FIC Va XIV volve contar co apoio da Xunta para unha edicion con mis de 30 curtas dunha ducia de pases
[26/08/2021]
O Festival Internacional de Curtas FIC Vía XIV de Verín anunciou hoxe a programación completa da súa sexta edición, que terá lugar do 4 ao 12 de setembro no Auditorio Municipal e para a que, por segundo ano consecutivo, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da convocatoria de subvencións a festivais do sector audiovisual. Máis de 30 curtametraxes dunha ducia de países competirán este ano no concurso oficial do encontro, que acollerá tamén outra serie de proxeccións paralelas, así como unha homenaxe ao actor e comunicador ourensán Sergio Pazos.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto aos representantes da dirección do certame, do Concello de Verín e da Deputación Provincial de Ourense. Na súa intervención, incidiu no gran traballo que se está a levar a cabo tanto desde a iniciativa pública como desde a privada para manter as principais citas do calendario cultural galego, adaptando os seus formatos e datas co fin de garantir tanto a seguridade dos asistentes como a calidade das propostas.
 
Neste sentido, lembrou que o obxectivo do Plan de reactivación do sector cultural posto en marcha polo Goberno galego é darlle resposta a este esforzo cunha serie de medidas para contribuír á recuperación da actividade. “Entre elas, atópase o reforzo das subvencións aos festivais profesionais de cinema, unha liña de apoio que a Xunta mantén desde 2014 consciente do carácter estratéxico destes eventos como motores de dinamización cultural, ademais de económica e turística, nas súas localidades e comarcas”, engadiu.
 
Catorce encontros subvencionados
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que a través da convocatoria destas axudas este ano se contribúe á organización de 14 encontros cun investimento total de 200.000 euros. Subliñou tamén que esta dotación supón un incremento de máis do 5% respecto a 2020, consolidando a tendencia ascendente destas subvencións nos últimos anos.
 
As bases deste 2021 introduciron, ademais, unha serie de novidades nos criterios de valoración para ter en conta a aposta dos festivais por manter a súa celebración o ano pasado e valorando igualmente a proposta de accións específicas para o ámbito dixital.
 
É o caso do FIC de Verín, que por vez primeira exhibirá en liña as curtametraxes seleccionadas a través da plataforma Festhome. Xunto ao concurso nas súas categorías habituais (Horizontes, Outra Mirada, A Raia e Nova), tamén poderá verse unha selección procedente do Tempo Documentary Festival, un foro cinematográfico sueco que é o festival convidado nesta sexta edición.
 
Entre as actividades paralelas deste ano, destaca así mesmo a proxección para o público infantil da película Fantasía de Disney ou a preestrea en Galicia do documental Tierra de leche y miel, dirixido polo verinés Héctor Domínguez-Viguera xunto a Gonzalo Recio e Carlos Mora, e gañador da sección DOC na 65ª Seminci de Valladolid.
 
-Festiva Internacional de Curtas FIC Vía XIV de Verín