A Xunta apoia o cartel musical do Festival dos Eidos no seu regreso a Parada do Courel

  O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou o recinto do evento, que arranca esta tarde na casa natal do poeta Uxío Novoneyra

  É un dos eventos adxudicatarios das subvencións da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a festivais profesionais de música, a través das que este ano se distribúen 340.000 euros entre 19 encontros

A Xunta apoia o cartel musical do Festival dos Eidos no seu regreso a Parada do Courel
[27/08/2021]
O Festival dos Eidos regresa hoxe á aldea de Parada, no municipio lucense de Folgoso do Courel, despois de que o ano pasado tivese que ser suspendido a raíz da pandemia. Para a recuperación desta cita, a Fundación Uxío Novoneyra conta coa colaboración da Xunta de Galicia, que apoia o seu cartel de concertos a través da convocatoria de subvencións a festivais profesionais de música.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, visitou hoxe o recinto do evento, na casa natal do poeta courelao, onde se desenvolve desde esta tarde e ata o domingo unha programación multidisciplinar que, ademais de música, ofrece recitais poéticos, danza, audiovisuais e o xa clásico roteiro de avistamento de paxaros.
 
O Festival dos Eidos incorpórase por vez primeira este ano á lista de citas subvencionadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través das axudas a festivais do sector musical. En concreto, é un dos 19 eventos adxudicatarios da convocatoria de 2021, dotada con 340.000 euros e que introduciu unha serie de modificacións nas bases para facilitar a adaptación destes encontros ao contexto.
 
A nova edición do Festival dos Eidos, que arranca esta tarde coa inauguración da videoinstalación Visións inéditas na Casa-Escola de María Mariño, ofrece unha decena de citas musicais de moi diferentes estilos. Hoxe mesmo actuarán no escenario da horta Davide Salvado, Califato DJ Set e Dj Tristón. No cartel, figuran, así mesmo, os concertos de Eladio & Uka, Román Gutiérrez, Xico de Cariño, Babykatze e Xavi B vs. Sergio Canay mañá sábado e de Su Garrido Pombo e Xabi B o domingo.
 
O Festival dos Eidos forma parte da rede europea Litfest e, entre outros galardóns, foi premio do Público en Culturgal en 2019 e ao Mellor Festival nos Iberian Festival Awards en 2020. 
 
-Facebook do Festival dos Eidos