O programa 'Propulsa' da Xunta despídese mañá en Ponteareas, tras chegar a máis de 2000 persoas con 27 espectáculos en toda Galicia

  O Castro de Troña acolle a última sesión do programa, con 8km en mula, de Álvaro Murillo, A temperatura O temperamento, de Fran Martínez, Emakumeak, de NODE, e Coreografías dun DeMente, de Fran Sieira Compañía de Danza

  Enmárcase na programación cultural do Goberno galego, que este ano suma máis de 3000 actividades e percorre espazos singulares da xeografía galega ao longo do verán a prol da posta en valor da riqueza patrimonial e paisaxística a partir das artes do movemento

O programa 'Propulsa' da Xunta despídese mañá en Ponteareas, tras chegar a máis de 2000 persoas con 27 espectáculos en toda Galicia
[28/08/2021]
O Castro de Troña convértese mañá en escenario da última sesión do programa da Xunta Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio, que se despide tras chegar a máis de 2000 persoas. Así, desenvolvéronse cun cheo case total os 27 espectáculos previstos en espazos singulares de toda Galicia, nos que se incluíron catro estreas.A iniciativa, posta en marcha este ano, percorreu a xeografía galega desde o 2 de xullo coa participación de 30 compañías, 23 delas galegas e as restantes de diversos puntos de España, Portugal e Francia, para poñer en valor a riqueza patrimonial e paisaxística a partir das artes do movemento. 
A función de peche comezará ás 19,30 horas e nela representaranse dúas pezas de compañías convidadas, con 8Km en mula, do estremeño Álvaro Murillo, e Emakumeak, da vasca NODE. Xunto a elas estarán os espectáculos galegos de Fran Martínez, con A temperatura O temperamento, e Fran Sieira Compañía de Danza, con Coreografías dun DeMente.
 
8Km en mulainspírase na obra de Federico García Lorca Bodas de sangre, baseada á súa vez nun feito real acontecido en 1928. Unha noiva foxe o día da súa voda co seu amante. O noivo ségueos e ten lugar o desenlace. Oito quilómetros son os que percorreron Paco Montes e Paquita Cañada sen poderen chegar á alba. No espectáculo, o corpo emprega o movemento para contar unha historia de amor maldito. Álvaro Murillo dirixe e interpreta esta crónica danzada da obra, unha versión flamenca da historia con música de Camarón de la Isla, José Mercé e Pata Negra.
 
Pola súa banda, A temperatura O temperamento, creado e interpretado por Fran Martínez, preséntase como un acto de fe na materia da que se compón o corpo, da linguaxe que lle é propia. O espectáculo proporciónalle ao público un paseo por universos cargados de estados físicos, emotivos e enerxéticos.
Emakumeaké unha homenaxe a todas as mulleres resilientes, unha ofrenda. Myriam Pérez Cazabon e Jone Amezaga interpretan dúas mulleres decididas e valentes, que, obrigadas a percorrer unha viaxe imposta e violentada, unidas alcanzan un final en liberdade. A dirección é de Ion Estala, a coreografía de Myriam Pérez Cazabon, e o vestiario de Clara Virgili. Aránzazu Calleja é autora da música.

Por último, Coreografías dun DeMente é un formato reducido e de rúa do espectáculo DeMente, coas coreografías máis representativas. Nel plásmase a realidade das persoas que sofren un trastorno mental, a evolución dos tratamentos e a necesaria integración na sociedade. O autor e coreógrafo é Francisco Agustín Sieira González, coa dirección artística de Carla Diego Luque.
 
Na peza bailan Francisco Agustín Sieira González, Aida Tarrío Torrado, Adela Otero Vázquez, Daniel Rodríguez Fernández, Artur Pastoriza Puga, Martín Mondragón Rivadulla, André Adrio Rodríguez e Patricia Sánchez Seoane. A composición musical é de Cristian Silva Bóveda, mentres que o espazo sonoro o asume Isaac Millán Ledo e o vestiario, Carlos Alonso Alonso.

Arte escénica en espazos singulares
O obxectivo é achegarlle ao público unha nova maneira de ver a danza, mediante a mestura desta arte escénica co patrimonio e a paisaxe de diferentes espazos singulares do territorio galego, como praias, cabos, fragas, fervenzas, miradoiros, catedrais, museos, hórreos ou castros.

Deste xeito, Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio permite levar a danza a concellos onde esta disciplina artística non soe formar parte das súas programacións culturais, ao tempo que sirve de promoción turística de lugares singulares. Ademais, búscase fomentar a creación contemporánea de danza e atraer novos públicos, xunto coa creación de sinerxías coas administracións locais e os tecidos asociativos de cada zona.

A iniciativa insírese na colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia para o desenvolvemento de diferentes propostas culturais no marco do Xacobeo 21-22.

[Na imaxe, Fran Martínez]