O espectáculo 'Festina lente' abre a temporada de estreas das coproducións de danza 2020-2021 da Xunta

  O Colectivo VACAburra, encabezado por Andrea Quintana e Gena Baamonde, presenta o seu novo espectáculo do venres 3 ao domingo 5 na Sala Ártika de Vigo

  Ata finais de ano tamén verán a luz as propostas coproducidas polo Centro Coreográfico Galego coas compañías Kirenia Danza, Javier Martín, Nova Galega de Danza, Elahood e Colectivo Glovo

O espectáculo 'Festina lente' abre a temporada de estreas das coproducións de danza 2020-2021 da Xunta
[01/09/2021]
Festina lente, o novo espectáculo do Colectivo VACAburra, abre este venres 3 de setembro na Sala Ártika de Vigo a temporada de estreas das seis pezas de danza coproducidas pola Xunta de Galicia cunha achega de máis de 100.000 euros a través das convocatorias específicas do Centro Coreográfico Galego para os anos 2020 e 2021.

De feito, ao longo deste último cuadrimestre tamén verán a luz Tres tristes tigres 2.0, a nova proposta da Cía. Kirenia Danza; Umbral, de Javier Martín; Credo, de Nova Galega de Danza; , da compañía Elahood,e Tabú, de Colectivo Glovo.
 
Festina lente, que poderá verse na Sala Ártika do venres 3 ao domingo 5, ás 20,00 h., é a cuarta montaxe de VACAburra, proxecto en común das creadoras Andrea Quintana e Gena Baamonde. O colectivo debutou con O raro é que bailar sexa raro, á que seguiu metodoloxías carroñeras, e acaba de estrear, así mesmo, a peza de rúa Extravíos, xunto a Ukestra do Medio, no marco do programa da Xunta Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio.
 
Na súa nova achega, Andrea Quintana e Gena Baamonde (na imaxe) asinan conxuntamente a dirección e a dramaturxia. Ademais, a primeira delas encárgase da coreografía, da interpretación xunto a Clara Ferrão Diz e do espazo sonoro con Menina Arroutada e os arranxos de Les Silva. Completan o equipo Violeta Martínez Rivera no deseño de iluminación, Paulina Funes na imaxe gráfica, Iría Casal en fotografía e vídeo e Atenea García na produción executiva, ademais da propia Gena Baamonde en vestiario.
 
Festina lentepropón unha reflexión sobre o momento presente, nun mundo no que a ‘pel-pantalla’ coloniza as relacións sociais. Na web www.artikavigo.com está xa dispoñible a venda anticipada de entradas, que tamén poderán adquirirse nos horarios habituais do despacho de billetes da sala da rúa Beiramar.