A Xunta impulsa a programaciˇn en Galicia do III Cami˝o Escena Norte de intercambio cultural con Asturias, Cantabria e PaÝs Vasco

  O director de Industrias Culturais participou na presentación desta nova edición, que ofrecerá nove funcións de teatro e danza en oito localidades galegas do Camiño do Norte entre o 12 de setembro e o 10 de outubro

  Arzúa, Lugo, Melide, Mondoñedo, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sobrado dos Monxes e Vilalba recibirán sete compañías asturianas, cántabras e vascas, mentres que as galegas Elefante Elegante, Tanxarina e Nova Galega de Danza actuarán nesas tres comunidades

  A Cidade da Cultura e o Auditorio de Negreira acollerán a estadía compartida entre Licenciada Sotelo e Babirusa Danza dentro de ĹCruzamentosĺ, unha das múltiples accións paralelas á carteleira de exhibición de espectáculos

A Xunta impulsa a programaciˇn en Galicia do III Cami˝o Escena Norte de intercambio cultural con Asturias, Cantabria e PaÝs Vasco
[03/09/2021]
Camiño Escena Norte, programa de intercambio cultural con Asturias, Cantabria e País Vasco, regresa por terceiro ano consecutivo a Galicia, onde conta co financiamento da Xunta para levar a cabo a súa programación de teatro e danza. O vindeiro 12 de setembro arranca esta nova edición que, baixo o lema Volver camiñar, percorrerá o Camiño do Norte ata o 10 de outubro para ofrecer nove funcións en Arzúa, Lugo, Melide, Mondoñedo, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sobrado do Monxes e Vilalba.

A implicación da Xunta nesta iniciativa esténdese igualmente á cesión da sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago para a representación de peche desta edición, así como da Cidade da Cultura de Galicia para unha das residencias artísticas de Cruzamentos, dentro da ampla oferta de accións paralelas de estadías, mediación cultural e encontros profesionais e coas compañías participantes.
 
A Cidade da Cultura foi tamén hoxe o escenario da presentación deste III Camiño Escena Norte, na que participaron Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Juan Rodríguez, presidente de Escena Galega, promotora desta iniciativa conxuntamente coas asociacións profesionais de empresas de produción escénica das outras tres comunidades implicadas. Interviñeron, así mesmo, Diego Vázquez Meizoso, coordinador do proxecto e xerente da devandita asociación, e os representantes doutras entidades das entidades colaboradoras e patrocinadoras, ademais das compañías galegas participantes.
 
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade incidiu na consolidación desta iniciativa que, nas súas palabras, foi “medrando e sumando complicidades ata se converter nun proxecto integral de difusión das artes escénicas en toda a súa extensión”.
 
Para Sutil, o deseño de Camiño Escena Norte arredor do intercambio cultural entre as comunidades polas que discorre esta Ruta Xacobea é un dos grandes valores deste proxecto, que desta volta entronca ademais coa celebración do Xacobeo 21-22 e co conxunto de todas as accións que o Goberno autonómico está a impulsar para a reactivación non só do ámbito cultural, senón tamén do empresarial e do turístico.
 
Itinerario Constelacións
O programa de exhibición de espectáculos, denominado Itinerario Constelacións, é o eixo vertebrador da programación, que partirá e finalizará en Santiago de Compostela. Todas as funcións serán de entrada gratuíta e atenderán ás limitacións da capacidade e ás condicións de acceso habilitadas para cada un dos espazos.
 
Así, o calendario de representacións arrancará o vindeiro día 12 na praza da Quintana para continuar percorrido durante setembro por Mondoñedo o día 18, Lugo o 19, Ribadeo e Arzúa o 25 e Melide o 26, mentres que en outubro haberá actuacións en Vilalba o día 1, Sobrado dos Monxes o día 2 e, como peche, no Salón Teatro de Santiago o día 10.
 
Durante esta viaxe, ofreceranse nove funcións de sete espectáculos chegados desde Asturias (Abre el ojo, de A66 Producciones, e Amalgama, de Meraki Cía.), Cantabria  (La casa de Bernarda Alba, de Anabel Díez e El Tejo Producciones; La naturaleza del silencio, de Babirusa Danza, e Olivia y las pluma, de La Machina Teatro) e País Vasco (Ikimilikiliklik. Mi pequeña, de Marie de Jongh, e Lloviendo ranas, de Ados Teatroa).
 
Percorrido das compañías galegas
Pola súa banda, as compañías Elefante Elegante co espectáculo Dreaming Juliet, Tanxarina Títeres con A galiña azul e Nova Galega de Danza con Leira foron as seleccionadas para representar a Galicia con actuacións, obradoiros e encontros co público en Xixón, Mieres, Potes, Torrelavega, Castro Urdiales, Santoña, Santander, Eibar e Mutriku.
 
Como en anos anteriores, Camiño Escena Norte desenvolverá tamén unha serie de actividades paralelas, entre as que sobresaen o programa Cruzamentos de catro estadías artísticas en cada unha das comunidades participantes. No caso de Galicia, a Cidade da Cultura e o Auditorio Municipal de Negreira acollerán a residencia de intercambio entre a compañía galega Licenciada Sotelo e a cántabra Babirusa Danza. Ao tempo, as galegas Ibuprofeno Teatro, Caramuxo Teatro e Pedras de Cartón están convidadas a participar noutras estancias en Asturias e País Vasco.

Ademais, o Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo acollerá por segundo ano consecutivo o encontro profesional Habitación Peregrina PRO, que terá lugar do 14 ao 16 de setembro.
 
-Camiño Escena Norte