A Xunta impulsa 17 ciclos e espectáculos musicais cun cento de actuacións a través da nova liña de axudas a concertos do Xacobeo 21-22

  O secretario xeral de Cultura e os directores de Industrias Culturais e Turismo de Galicia reuníronse cos representantes das promotoras destes eventos, adxudicatarias de preto de 850.000 euros en subvencións para contribuír á recuperación da actividade empresarial e artística

  Ao tempo, búscase facilitar o restablecemento das programacións culturais nas localidades que acollerán os concertos, todas elas situadas en municipios de máis de 15.000 habitantes ou de interese turístico

  Esta nova medida do plan autonómico de reactivación do sector cultural é froito da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia no marco das programación conmemorativa do Ano Santo

A Xunta impulsa 17 ciclos e espectáculos musicais cun cento de actuacións a través da nova liña de axudas a concertos do Xacobeo 21-22
[06/09/2021]
A Xunta de Galicia acaba de resolver a adxudicación da súa nova convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de espectáculos musicais no marco do Xacobeo 21-22, mediante a que distribúe preto de 850.000 euros entre 17 ciclos e eventos que suman arredor de 100 actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como da escena nacional e internacional.

Con esta iniciativa, dirixida especificamente a profesionais autónomos e empresas que rexistraron perdas de ingresos a raíz da crise sanitaria, refórzase o apoio do Goberno galego á reactivación da actividade empresarial e artística no sector musical. Ao tempo, búscase fomentar a recuperación das programacións culturais nas 17 localidades nas que se levarán a cabo os espectáculos, todas elas situadas en municipios de máis de 15.000 habitantes ou de interese turístico.
 
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e os directores de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuníronse cos representantes das 17 promotoras galegas subvencionadas para coñecer de primeira man o estado e alcance das súas propostas, así como os protocolos de seguridade e medidas anticovid implantadas en cada caso.
 
Programación descentralizada
Esta nova liña de apoio enmárcase no Plan de reactivación do sector cultural da Xunta e forma parte da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia co gallo do Xacobeo 21-22. Ao abeiro deste acordo, estase a impulsar unha programación variada, distribuída por todo o territorio e destinada a todo tipo de público, á que se incorporan estas 17 iniciativas de promotoras independentes.
 
Segundo a resolución publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entre os eventos subvencionados atópanse o concerto de Xoel López ofreceu o pasado día 31 en Mos dentro do proxecto Latitudes, así como o EsPazo Fest que tivo lugar entre os meses de xullo e agosto en diferentes pazos históricos de Nigrán, o Pasatempo en Betanzos ao longo de xullo e Camiñantes en Samos o 8 de agosto e en Sanxenxo o pasado día 25.
 
Tamén resultaron adxudicatarios o Fisterra Blues Experience e o Eidos de Outono do Courel, ambos a mediados de setembro, e o D-Fest de Lalín, que terá lugar o 25 de setembro. En outubro celebraranse As Noites do Porto na Coruña, Marín É Música e O Son dos Arrieiros na Estrada, ao tempo que arrancará o ciclo Xacobeo Importa, con actuacións ata decembro en Pontevedra, Lugo, Vigo, A Coruña, Ourense e Ferrol. Xa en novembro, será a quenda de Son do Mar en Vigo, Que Non Pare a Música en Pontevedra e Porto Maresía, na Coruña e Vigo a finais desde mesmo mes, mentres que en decembro terán lugar a estrea da ópera María Soliña en Lugo e dous concertos de figuras internacionais en Santiago de Compostela.