A Xunta contrib˙e ß celebraciˇn do 25║ aniversario dos Premios de Teatro MarÝa Casares

  O director de Industrias Culturais participou hoxe na presentación da entrega dos galardóns, que retoma o seu formato presencial cunha gala este xoves no Teatro Rosalía Castro da Coruña

A Xunta contrib˙e ß celebraciˇn do 25║ aniversario dos Premios de Teatro MarÝa Casares
[07/09/2021]
Os Premios de Teatro María Casares celebran o seu 25º aniversario retomando o formato presencial da entrega de galardóns coa súa tradicional gala, que terá lugar este xoves no Teatro Rosalía Castro da Coruña despois de que en 2020 fora suspendida por mor da pandemia. A Xunta de Galicia contribúe economicamente a este festexo no marco do convenio de colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que organiza esta convocatoria anual en recoñecemento público ao traballo dos profesionais de teatro galego.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou na presentación do evento no Concello da Coruña xunto aos representantes do resto das institucións colaboradoras, así como a Xosé Barato, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, e a Paula Carballeira, codirectora con Chiqui Pereira da gala desta 25ª edición.
 
“A gala desta semana será, sen dúbida, un momento de reencontro, de celebración e de recoñecemento colectivo á difícil labor mantida ultimamente por todos os profesionais do teatro”, afirmou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, quen lembrou que moitas das accións de recuperación postas en marcha polo Goberno galego a través do Plan de reactivación cultural fronte aos efectos da covid-19 están dirixidas a apoiar as empresas e profesionais do ámbito escénico diante dunha situación aínda delicada e cambiante.
 
Ademais, en nome da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, trasladoulles os seus parabéns a todos os proxectos finalistas, así como á Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que recibirá o Premio de Honra Marisa Soto.
 
Elenco interxeracional
O nome dos gañadores irase desvelando no transcurso da gala, que contará cun elenco interxeracional do que forman parte os intérpretes Alfredo Rodríguez, Casilda Alfaro, Nuria Sanz, Suso Coretegoso, Alba Bermúdez e Nelu Vermouth. Poderá seguirse igualmente pola canle de YouTube dos Premios María Casares a partir das 20,00 h.
 
Son 13 os espectáculos que competirán polos 14 galardóns convocados este ano, entre os que destacan A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, con oito candidaturas, e as montaxes Dreaming Juliet, de Elefante Elegante; 32m2, de ButacaZero, e Bailar agora, de Marta Alonso Tejada en coprodución co Centro Coreográfico Galego, que compiten por cinco galardóns.
 
Entre as propostas con catro finalistas atópanse, así mesmo, tres coproducións do Centro Dramático Galego (CDG): Microspectivas dun marica millenial, de Incendiaria; Os nenos da varíola, de Pérez&Fernández; e O Premio, de La Quintana Teatro, mentres que Teatro Baixo da Area opta a un premio con Poeta en Nova York, tamén coa participación do CDG.

-Premiios de Teatro María Casares