A 14ª edición do FICBueu ofrece 10 días de cinema e actividades paralelas co apoio da Xunta

  O Festival Internacional de Curtametraxes da localidade pontevedresa é un dos 14 eventos adxudicatarios da convocatoria anual de axudas a festivais audiovisuais, que este ano aumentou o seu orzamento ata os 200.000 euros

  O director de Industrias Culturais participou na presentación do certame, que retoma a estrutura previa á pandemia para ofrecer cinco seccións competitivas e catro paralelas, ademais de accións formativas, coloquios, concertos ou emisións de radio

A 14ª edición do FICBueu ofrece 10 días de cinema e actividades paralelas co apoio da Xunta
[07/09/2021]
FICBueu, o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, celebra a súa 14ª edición do 10 ao 19 de setembro con nove seccións, tanto competitivas como paralelas, e outras serie de actividades complementarias como accións formativas, concertos, coloquios, presentacións ou emisións radiofónicas. O certame volve contar co apoio económico da Xunta de Galicia como un dos eventos adxudicatarios das subvencións autonómicas a festivais profesionais do sector audiovisual, a través das que este ano se contribúe á organización de 14 mostras.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, interveu na presentación do festival xunto aos representantes da organización e do resto de institucións implicadas, para incidir no papel dos festivais á hora de difundir o traballo dos profesionais galegos do cinema e a televisión, así como  na creación de públicos para este ámbito cultural.
 
Tendencia ascendente
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade gabou, así mesmo, o esforzo que están a realizar os certames para se adaptar ao contexto e aos protocolos sanitarios e, neste mesmo sentido, lembrou algunhas das medidas postas en marcha ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da covid-19. Entre elas, atópase precisamente o reforzo das subvencións aos festivais profesionais de cinema, unha liña de apoio que a Xunta mantén desde 2014 e que na súa convocatoria de 2021 conta cun orzamento de 200.000 euros, un 5% máis que en 2020, consolidando a tendencia ascendente dos últimos anos.
 
As bases desta convocatoria introduciron, ademais, unha serie de novidades nos criterios de valoración para ter en conta a aposta dos festivais por manter a súa celebración o ano pasado e valorando igualmente a proposta de accións específicas para o ámbito dixital.
 
No caso do FICBueu, a Sección Internacional continúa a funcionar como tronco principal do programa, con dous pases diarios do 13 ao 17 de setembro, que se complementarán con faladoiros conducidos por diferentes especialistas no sector.
 
Porén, o festival arrancará xa na tarde do venres 10 co concerto do dúo Two in The Mirror, previo ao acto inaugural que terá lugar no Centro Social do Mar. Alí proxectarase a continuación o filme de apertura, Un blues para Teherán, coa participación do seu director, Javier Tolentino.
 
Ademais das seccións a concurso (Internacional, España, Galicia R, Experimental e Escolas) e paralelas (Panorama, Retrospectiva, Carta Branca e MiniFIC), o certame acollerá obradoiros, mesas redondas, a entrega de premios, a emisión do programa radiofónico Carne cruda e diferentes presentacións e encontros, como o que protagonizará o actor Alfonso Agra, quen este ano recibirá o Premio Cinema Galego.
 
-FICBueu