A Sala ┴rtika de Vigo programa 75 actuaciˇns de 33 compa˝Ýas ata finais de ano coa axuda da Xunta

  O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participaron na presentación deste programa

  O espazo contou cunha achega de máis de 135.000 euros nos últimos dous anos a través das subvencións ao funcionamento das salas privadas de artes escénicas e da convocatoria extraordinaria ao impulso do sector do Plan de reactivación cultural

A Sala ┴rtika de Vigo programa 75 actuaciˇns de 33 compa˝Ýas ata finais de ano coa axuda da Xunta
[08/09/2021]
A Sala Ártika de Vigo desvelou hoxe a programación da súa nova temporada escénica, no marco da que lle ofrecerá ao público 75 actuacións de 33 compañías ata finais de ano. Para o seu funcionamento, o espazo vigués contou nos últimos dous anos cunha inxección económica de máis de 135.000 euros por parte da Xunta a través dunha dobre vía de apoio.

Dunha banda, o teatro da avenida de Beiramar percibiu máis 105.000 euros entre 2020 e 2021 como un dos espazos adxudicatarios das subvencións ás salas privadas de artes escénicas, dotadas con 150.000 euros cada ano e das que se beneficiou, así mesmo, o tamén vigués Teatro Ensalle. Doutra, dispuxo de 30.000 euros para desenvolver un dos 32 proxectos receptores da liña extraordinaria de axudas ao impulso do sector escénico, convocada o ano pasado ao abeiro do Plan de reactivación cultural cun fondo de 500.000 euros.
 
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participaron nesta presentación, que tamén contou, entre outras, coa intervención da directora da Sala Ártika, Fernanda Barrio.
 
Dinamización cultural do Xacobeo 21-22
Na súa intervención, Marta Fernández-Tapias subliñou o papel da Xunta como o maior programador cultural de Galicia, ao tempo que destacou que a celebración do Xacobeo 21-22 “está demostrando que é quen de reforzar o papel da Comunidade na dinamización do consumo cultural e do crecemento desta industria”.
 
Pola súa banda, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade referiuse especificamente á programación da Sala Ártika como “exemplo do magnífico traballo de difusión escénica, de captación de novos públicos e de consolidación de espectadores que están a facer este tipo de espazos” e cuxa labor abrangue todos os ámbitos da promoción teatral, desde a produción e a exhibición, ata a residencia artística e as actividades formativas.
 
Ademais, felicitou á dirección deste espazo por terse confirmado, en tan só seis anos de traxectoria, como un referente cultural destacado, non só en Vigo e a súa área metropolitana, senón no resto de Galicia, situándose nestes momentos como a sala privada con maior programación teatral de toda a Comunidade.
 
Sinalou, neste mesmo sentido, que son moitas as compañías do país que teñen en conta este espazo para os seus procesos de creación e exhibición. É o caso, por exemplo, de varias montaxes apoiadas ou coproducidas pola Xunta, como a recentemente estreada Festina Lente, do colectivo VACAburra coa participación do Centro Coreográfico Galego.
 
Na programación de setembro a decembro da Sala Ártika inclúense catro festivais e ciclos (II Comediártiko, XXVI Festival Internacional de Títeres Galicreques, circuíto estatal da Red de Teatros Alternativos e VII Festival Pequeártiko de Nadal), cinco estreas absolutas, 20 espectáculos para público familiar e 13 producións para público adulto.
 
-Sala Ártika