O ciclo de humor apoiado pola Xunta 'Comicamente' péchase este domingo en Lalín despois de chegar a máis de 10.000 persoas en 12 concellos

  Actuarán Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco, Celso Sanmartín e Lucía Veiga no auditorio ao aire libre ás 21,30 horas

   Impulsado polas empresas Con de tres pés, Etiqueta Negra e Ainé Producións, a iniciativa forma parte das máis de 3.000 actividades desenvolvidas este verán no marco do Xacobeo 21-22 co obxectivo de reactivar o sector cultural

O ciclo de humor apoiado pola Xunta 'Comicamente' péchase este domingo en Lalín despois de chegar a máis de 10.000 persoas en 12 concellos
[12/09/2021]
O ciclo Comicamente, impulsado polas empresas Con de tres pés, Etiqueta Negra e Ainé Producións co apoio da Xunta, péchase este domingo en Lalín coa actuación de Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco, Celso Sanmartín e Lucía Veiga. O programa posto en marcha este verán despídese despois de percorrer unha ducia de concellos galegos, onde nalgúns casos houbo que ofrecer dous pases para atender a elevada demanda de asistencia. Así, o balance de público final ascende a máis de 10.000 persoas en 17 sesións.

No caso de Lalín, a función terá lugar no Auditorio ao aire libre ás 21,30 horas e aínda quedan entradas dispoñibles a través das webs comicamente.gal e ataquilla.com. A disc-jóckey Russinha poralle a música en directo ao espectáculo.
 
O proxecto, enmarcado na programación do Xacobeo 21-22, naceu como parte das máis de 3.000 iniciativas postas en marcha pola Xunta co obxectivo de contribuír á reactivación do sector cultural. Carlos Blanco, Xosé A. Touriñán, Luis Piedrahita, xunto a Lucía Veiga, lideraron o ciclo, que contou coa participación doutros referentes do humor galego, como David Amor, Oswaldo Digón, Marta Doviro, Marita Martínez, Carmen Méndez, David Perdomo, Celso Sanmartín, Ledicia Sola e Pepo Suevos.
 
Retorno certo e positivo
O balance final de asistencia confirma as expectativas xeradas polo ciclo. Xa no acto de presentación, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, auguraba un “retorno certo e positivo” da iniciativa, coa previsión de chegar a milleiros de persoas, crear un cento de empregos e implicar unha vintena de empresas do ámbito cultural relacionadas coa produción de eventos. Confirmouse tamén a seguridade das actuacións culturais, co cumprimento de estritos controis sanitarios.
 
Comicamentearrincou a finais de xullo no Carballiño e, ademais de Lalín, incluíu no seu percorrido Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, Lugo, Mondoñedo, Ferrol, Nigrán, Ourense, A Coruña, Santiago e Pontevedra. Todos os espectáculos foron en emprazamentos ao aire libre e cunhas moi coidadas postas en escena. Xunto ao Goberno galego, apoiaron o proxecto as empresas Gadis, Deleite e Estrella Galicia.

-Web de 'Comicamente'