A Xunta ofrece catro actuacións escénicas en Ames ata final de ano a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

  O venres arranca no concello coruñés o segundo semestre deste circuíto cultural organizado en colaboración cos concellos, con Semente. O home que plantaba árbores

  A programación global de agosto a decembro inclúe 209 funcións de teatro, danza, música, novo circo e maxia en 36 localidades de toda Galicia

A Xunta ofrece catro actuacións escénicas en Ames ata final de ano a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
[16/09/2021]
A Xunta ofrece ata final de ano catro actuacións escénicas en Ames a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. A programación do segundo semestre deste circuíto cultural, organizado en colaboración cos concellos, arranca o venres ás 18,00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns con Semente. O home que plantaba árbores, de Eme2 emoción&arte. 
A peza, inspirada en feitos reais, narra a vida dun home e o seu esforzo solitario, constante e paciente por facer especial o lugar onde vive. O protagonista consegue cos seus propios medios reforestar unha das rexións máis áridas e inhóspitas de Francia.
 
Xa en outubro, o día 1, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá unha nova representación, ás 20,20 horas, desta vez con La Quintana e o O premio. Trátase dunha comedia ácida que fala dun futuro marcado polo progreso tecnolóxico e a loita cara ao éxito. Neste mesmo mes, o día 15, chegará a programación á Casa da Cultura do Milladoiro, co espectáculo musical O libro da selva, de Teatro Avento Producións. A función está prevista para as 18, 30 horas.
 
O peche da programación deste segundo semestre porao Malasombra Producións con Bernarda, unha peza inspirada na obra de Federico García Lorca, A casa de Bernarda Alba, que traslada a acción a unha vila de Galicia en 1975. O espectáculo terá lugar tamén na Casa da Cultura do Milladoiro, o 19 de novembro ás 20,30 horas.
 
Máis de 200 actuacións en 36 concellos
A Rede Galega de Teatros e Auditorios encara o segundo semestre do curso con 209 actuacións de teatro, danza, música, novo circo e maxia que chegarán a 36 concellos de toda Galicia. Deste xeito e pese aos adiamentos e suspensións polo peche sanitario de primeiros de ano, serán máis de 500 as funcións desenvolvidas durante 2021 no seo deste circuíto cultural cofinanciado pola Xunta e as preto de 40 entidades locais asociadas, para o que se conta cun orzamento global superior aos 1,6 millóns de euros.
 
Este segundo período de programación implica a contratación de preto de 100 formacións artísticas profesionais de moi diferentes xéneros e estilos. Moitas delas chegan a esta carteleira a raíz da súa asistencia á última edición do mercado Galicia Escena PRO, organizado conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a asociación Escena Galega e na que estiveron acreditados, así mesmo, os responsables dos principais de teatros, auditorios, salas e festivais escénicos galegos.
 
Ademais das actuacións deste circuíto, pioneiro en Galicia no ámbito da exhibición de espectáculos de xeito profesional e coordinado, durante o período estival a Xunta de Galicia está a impulsar máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura e da programación especial do Xacobeo 21-22.