Tui inaugura o 17 Festival Play-Doc coa contribuciˇn da Xunta para recuperar o seu carßcter internacional

  O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe no acto de apertura da 17ª edición do encontro, que se desenvolverá ata o 26 de setembro

  O certame tudense, referente no ámbito dos documentais, é un dos 14 subvencionados a través da convocatoria de axudas a festivais do sector audiovisual

Tui inaugura o 17 Festival Play-Doc coa contribuciˇn da Xunta para recuperar o seu carßcter internacional
[23/09/2021]
O festival Play-Doc de Tui iniciou hoxe a súa 17ª edición, que se desenvolverá ata o 26 de setembro e coa que recupera o seu carácter e proxección internacional na difusión do xénero documental a través dun intenso programa de proxeccións e diversas actividades complementarias. Para esta nova entrega volve contar co apoio económico da Xunta de Galicia como un dos 14 certames subvencionados este ano a través da convocatoria de axudas a festivais do sector audiovisual.
 

Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), participou esta tarde na inauguración celebrada no Teatro Municipal de Tui para deixar testemuño da colaboración continuada da Xunta de Galicia con este festival  e da aposta do Goberno Galego polo sector, reforzada coa posta en marcha do Hub audiovisual. No acto tamén interviñeron os representantes do resto das institucións implicadas xunto con Ángel Sánchez e Sara García, codirectores dun encontro que nos seus 17 anos de traxectoria se ten convertido en referente da promoción cinematográfica no seu ámbito.
 
Como en edicións anteriores, o Play-Doc atópase entre a listaxe de festivais audiovisuais subvencionados a través da liña específica de apoio que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantén desde 2014 e que este ano foi reforzada ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural. A convocatoria de 2021 contou cun orzamento de 200.000 euros, un 5% máis que en 2020, consolidando deste xeito a tendencia ascendente dos últimos anos. Introduciuse, ademais, unha serie de novidades nos criterios de valoración para ter en conta a aposta dos festivais por manter a súa celebración o ano pasado e estimando igualmente a proposta de accións específicas para o medio dixital.
 
A pesar do seu formato reducido para se adaptar ao contexto sanitario, o festival organizado pola Asociación Cultural Enfoques recupera a súa dimensión internacional, programando a primeira retrospectiva que se lle dedica ao veterano documentalista estadounidense de orixe alemán Manfred Kirchheimer e dedicando outra das súas escolmas á cineasta norteamericana Bette Gordon. Ambos viaxarán por primeira vez a España para presentar os seus traballos en Tui. De feito, a peza Colossus on the river, de M. Kirchheimer, foi a proxección escollida para a inaugurción de Play-Doc 2021.
 
Colaboración coa Filmoteca de Galicia
Bette Gordon será tamén protagonista da programación de setembro na Filmoteca de Galicia, en virtude da colaboración que vén mantendo co festival tudense. Así, a sede coruñesa da cinemateca da Xunta dedicaralle as sesións do día 29, coa exhibición de Michigan Avenuei-94 e Variety, e do 1 de outubro, con The United States of AmericaAnybody´s woman e Empty Suitcases.
 
O Play-Doc recupera, ademais, dúas xoias cinematográficas ocultas durante décadas, como son SEPA: Nuestro Señor de los Milagros (1987), de Walter Saxer, quen ofrecerá tamén unha das clases maxistrais do festival, e Amerasia (1985), do recentemente falecido Wolf Eckart Bühler, que foi unha das estrelas convidadas da edición de 2019.
 
Pola súa banda, o audiovisual galego volverá ter unha destacada presenza na mostra, tanto a través dos 11 traballos que compiten na sección Galicia, como do obradoiro impartido por Eloy Domínguez Serén ou da sesión especial en lembranza de Daniel Domínguez, entre outras accións.
 
As proxeccións das seccións competitivas de longas e curtametraxes, o roteiro cinematográfico Cinema Percorridos ou o taller de Live Cinema impartido por Juanjo Fernández Rivero son outras das propostas audiovisuais desta 17ª edición. Ademais, dentro da súa programación musical paralela, terán lugar os concertos de Domenico Lancelloti e de Blurry The Explorer, así como a presentación en Galicia do documental de Javier Corcuera No somos nada, sobre a lendaria banda de punk La Polla Records e o seu vocalista, o tudense Evaristo Páramos, que se proxectará no Play-Doc inmediatamente despois da súa estrea mundial no Festival de Cine de San Sebastián. 

[Foto: Pablo Nunes]

-Web do Play-Doc