O festival 'O son dos arrieiros' da Estrada presenta o seu cartel de rock 100% galego con axuda da Xunta dentro do Xacobeo 21-22

  Celebrará a súa primeira edición o 29 e o 30 de outubro, con subvención da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da convocatoria extraordinaria do Plan de reactivación do sector cultural para promotoras musicais independentes

  O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do evento no que actuarán Novedades Carminha, Bala, Heredeiros da Cruz, Agoraphobia, Terbutalina e Señora DJ

O festival 'O son dos arrieiros' da Estrada presenta o seu cartel de rock 100% galego con axuda da Xunta dentro do Xacobeo 21-22
[23/09/2021]
O son dos arrieiros da Estrada súmase este ano ao circuíto galego de festivais de música cun programa de rock 100% galego, que se desenvolverá na Fundación de Exposicións e Congresos desta localidade pontevedresa na fin de semana do 29 e 30 de outubro. Trátase, ademais, dunha das 17 iniciativas subvencionadas pola Xunta de Galicia a través da convocatoria extraordinaria de axudas para espectáculos musicais dentro da programación do Xacobeo 21-22.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación deste cartel xunto a José López, alcalde da Estrada, e a Patricia Hermida, xerente da produtora Dotbeat, promotora do evento. Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou o feito de que se trate dun festival integramente galego, tanto a nivel artístico como técnico, así como a calidade da súa oferta con nomes como Novedades Carminha, Bala, Heredeiros da Crus, Agoraphobia, Terbutalina e Señora DJ.
 
Apoio específico para promotoras musicais
Sutil explicou tamén que a Xunta apoia economicamente a empresa organizadora de O son dos arrieiros como adxudicataria da devandita liña específica de subvencións, inserida no Plan de reactivación cultural, para contribuír á recuperación das promotoras musicais independentes fronte ao impacto económico da crise sanitaria. A través desta medida, distribúense 850.000 euros entre 17 ciclos e espectáculos que se desenvolven nas catro provincias ata finais de ano e suman arredor de 100 actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como da escena nacional e internacional.
 
A proposta de O son dos arrieiros, ideada como un festival de mediano formato e cunha capacidade fixada inicialmente nunhas 550 persoas, está fundamentada no rock, dentro do que abrangue moi diferentes estilos, ademais de ter en conta a perspectiva de xénero con bandas integramente femininas como Bala e Agoraphobia e a sesión de Señora DJ, quen picará música feita, cantada e tocada por mulleres.
 
Mañá venres activarase na web www.ataquilla.com a venda de 100 abonos de fidelidade, mentres que as localidades por día poderán adquirirse a partir do 1 de outubro, data na que se desvelará tamén o calendario detallado das actuacións.