O Centro Dramático Galego e AveLina Pérez estrean o espectáculo 'ECO', inspirado nas mensaxes que deixaron os presos da Guerra Civil no Mosteiro de Oia

  A posta en escena inaugural terá lugar este domingo en Oia, no propio espazo no que se basea a peza, con tres funcións que inclúen unha visita previa á exposición permanente Os presos do Mosteiro. Memorias da Guerra Civil española

  A coprodución enmárcase na aposta da unidade teatral da Xunta pola colaboración cos distintos axentes do sector e a descentralización da súa programación para dinamizar a actividade escénica e crear público en todo o territorio

O Centro Dramático Galego e AveLina Pérez estrean o espectáculo 'ECO', inspirado nas mensaxes que deixaron os presos da Guerra Civil no Mosteiro de Oia
[24/09/2021]
O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta de Galicia, e a creadora escénica AveLina Pérez estrean este domingo no Real Mosteiro de Oia a coprodución ECO. Trátase dunha peza inspirada nos textos e debuxos feitos polos presos da Guerra Civil española nas paredes do cenobio cando foi convertido en campo de concentración, e que recollen os seus desacougos, medos e desexos. Haberá tres funcións ao longo da tarde, cunha cabida total de 90 prazas e para as que xa non quedan entradas dispoñibles.

Creado, dirixido e interpretado por AveLina Pérez, o espectáculo nace como unha homenaxe e un poema, ademais de como un momento para escoitar e para escoitarnos, para relacionarse cos que xa non están, coa historia e co paso do tempo. A composición musical é obra de Ramón Raíndo e a iluminación, de Beatriz de Vega. Pola súa banda, Martín Pol faise cargo da fotografía e Jesús Tejada, da montaxe de vídeo.

As case cen persoas que gozarán da estrea terán a oportunidade tamén de realizar previamente unha visita á exposición permanente Os presos do Mosteiro. Memorias da Guerra Civil española. A mostra é o resultado do traballo de recuperación dos grafitos realizados polos presos, o que permitiu xuntar máis dun cento de fragmentos.

Dinamización e descentralización escénica
ECOforma parte das coproducións programadas para este ano polo CDG no marco da súa aposta por reforzar a colaboración cos distintos axentes do sector teatral de Galicia e pola descentralización da súa programación. Trátase así de promover e dinamizar a actividade escénica e a creación de público en todo o territorio galego. Con esta peza, a compañía institucional quere fomentar tamén o diálogo entre escena e patrimonio para a posta en valor da vinculación existente entre estes dous elementos culturais. 

De cara á nova temporada, o CDG está xa no proceso de selección dos elencos das vindeiras producións. Trátase dunha adaptación teatral de A peste, de Albert Camus, dirixida por Cándido Pazó, e de Ás 8 da tarde cando morren as nais, baixo a dirección de Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez, creadora de ECO