A produtora galega CTV e a portuguesa SPi coproducen a nova serie 'Motel Valkirias', cofinanciada pola Xunta

  O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou no acto celebrado no marco do OUFF de Ourense para anunciar a rodaxe desta dramedia, adxudicataria dunha subvención de máis de 250.000 euros por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

  Ambientada na fronteira entre ambos os países, esta historia de empoderamento feminino e superación persoal desenvolverase ao longo de oito capítulos

A produtora galega CTV e a portuguesa SPi coproducen a nova serie 'Motel Valkirias', cofinanciada pola Xunta
[25/09/2021]
O equipo da serie galego-portuguesa Motel Valquirias anunciou hoxe en Ourense a próxima rodaxe dos seus oito capítulos, que se levará a cabo en localizacións a ambos os lados da fronteira. Encabezada pola empresa compostelá CTV e pola lusa SPi, esta coprodución conta co financiamento da Xunta de Galicia, que lle achega máis de 250.000 euros a través da liña de subvencións da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a producións e coproducións de contido cultural galego.
 

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe nesta presentación, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcarcel no marco da programación do festival OUFF. Interviñeron, así mesmo, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, os representantes da Televisión de Galicia e da RTP portuguesa, implicadas tamén na realización da serie, e mais os responsables das súas produtoras e do equipo artístico.
 
En palabras do responsable de Industrias Culturais do Goberno galego, este segundo proxecto conxunto de CTV e SPi dá conta da fluidez das relacións entre as industrias audiovisuais de ambos os países, que nos últimos anos está a materializarse en importantes coproducións que, ademais do intercambio artístico e técnico, posibilitan un maior coñecemento mutuo a nivel cultural, social e mesmo turístico.
 
Proxección internacional
Este novo título que inicia agora a súa etapa de rodaxe exemplifica, ademais, a aposta da empresa compostelá pola distribución internacional, que tanto éxito lle reportou con O sabor das margaridas a través da plataforma Netflix.
 
Creada por Ghaleb Jaber Martínez e con Alex Sampaio como director e Jorge Quiroga na codireción, Motel Valquirias é unha dramedia con tinturas de thriller que conta unha historia de empoderamento feminino e de superación persoal protagonizada por tres mulleres de diferentes idades e procedencias. A conexión galego-portuguesa materialízase non só no seu reparto e no resto do equipo técnico e artístico, senón tamén no espazo transfronteirizo que constituirá o escenario da acción.