Comeza a rodaxe en Galicia da serie 'Rapa', o primeiro proxecto dentro do Hub Audiovisual da Xunta

  O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participou na presentación desta nova produción de Movistar + e a empresa galega Portocabo, subvencionada con 300.000 euros na nova liña para a atracción de rodaxes

  A serra da Capelada é o escenario deste thriller, creado polo mesmo equipo da exitosa Hierro, con Jorge Coira na dirección e con Javier Cámara e Mónica García á cabeza dun elenco cunha importante representación galega

  Román Rodríguez pon en valor o Hub como un programa para protexer, robustecer e estimular o sector cultural galego cun investimento récord de 9,6M no período 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE

Comeza a rodaxe en Galicia da serie 'Rapa', o primeiro proxecto dentro do Hub Audiovisual da Xunta
[05/10/2021]
O equipo da serie Rapa, producida por Movistar + xunto á empresa galega Portocabo, atópase xa en Galicia con motivo da gravación deste thriller ambientado na serra da Capelada. Ao tempo, a Xunta acaba de resolver a concesión dunha axuda de 300.000 euros a este proxecto, que se converte así no primeiro adxudicatario da liña para a atracción de rodaxes do novo Hub Audiovisual da Industria Cultural, un dos grandes proxectos do Goberno galego no eido cultural.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou este mediodía na presentación deste novo título, que asina o mesmo equipo creativo que Hierro, a serie máis vista deste ano en Movistar +, onde salientou “a época de esplendor e de madurez que ten alcanzado o sector audiovisual galego nos últimos 30 anos, con títulos cada vez máis internacionais e cun recoñecemento maior que nunca”. “O audiovisual ocupa por dereito propio un lugar destacado no escenario económico e laboral galego –explicou–, con máis de 2.000 profesionais empregados en 133 empresas do sector”.
 
Neste sentido, agradeceu ao equipo ter escollido a Comunidade galega como localización para unha produción destas características para internacionalizar a marca Galicia.
 
Investimento récord
O representante da Xunta de Galicia situou este proxecto como o primeiro de moitos outros que poderán ser realidade ao abeiro do Hub Audiovisual, “unha das máis eficaces ferramentas do Goberno autonómico para o sector coa que se van dinamizar as posibilidades produtivas das empresas culturais e contribuír a ofrecer un horizonte de estabilidade que impulse a súa competitividade”.

Como expresou, o Hub Audiovisual supón poñer ao servizo das industrias creativas un investimento récord de 9,6M€ ao amparo dos fondos europeos coa intención de “protexer, robustecer e estimular o sector xerando emprego de calidade e convertendo a Galicia nun referente neste eido”. Un proxecto do que sinalou que “non é unha aposta de futuro, senón unha estratexia que xa se atopa a disposición das empresas culturais de Galicia”.
 
Gasto en Galicia de máis de 3 millóns de euros
Como Portocabo, as beneficiarias deste fondo para a captación de rodaxes deben ser empresas audiovisuais galegas que leven a cabo proxectos xunto con produtoras, canles de televisión e plataformas de fóra de Galicia, ben en calidade de coprodutoras, ben como provedoras de servizos. Un dos principais requisitos consiste na realización dun gasto mínimo en Galicia −1M€ para longas cinematográficas de ficción e animación e 1,5 M€ para as series de ficción−, que no caso da subvención a Rapa implica un gasto comprometido superior aos 3M€ a raíz da súa rodaxena nosa Comunidade.
 
Pepe Coira e Fran Araújo son os creadores desta nova serie, que dirixe Jorge Coira e conta con Alfonso Blanco, de Portocabo, na produción executiva. En canto á interpretación, Javier Cámara e Mónica García encabezan un elenco cunha importante representación galega, con nomes como Lucía Veiga, Eva Varela, Toni Salgado, Berta Ojea, Iria Sobrado, Tito Asorey, Ricardo Barreiro ou Mabel Rivera, entre outros.
 
A serra da Capelada será tamén protagonista desta serie de seis episodios, que ten prevista a súa estrea en 2022. A historia dá comezo durante a celebración da rapa das bestas neste espectacular escenario natural, onde ten lugar un crime que Maite, a sarxento da Guardia Civil, intentará resolver coa axuda de Tomás, un profesor frustrado.
 
Recuperación económica do sector
A subvención da Xunta a Rapa responde á primeira convocatoria de axudas en réxime de concorrencia non competitiva para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do Hub Audiovisual, publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 10 de setembro e dotada con 2 millóns de euros, á que se sumará a primeiros de 2022 unha segunda coa mesma contía.
 
Esta achega inicial supón, ademais, o arranque dun programa de apoio sen precedentes para acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do sector en Galicia, que se traducirá nun investimento de 9,6 millóns de euros durante o período 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.
 
A posta en marcha da Galicia Film Commission, as subvencións para o desenvolvemento de grupos de proxectos, o polo de talento do sector audiovisual, o plan creativo e empresarial para videoxogos e un fondo transversal para o conxunto da industria cultural son outras das principais iniciativas que serán desenvolvidas proximamente ao abeiro do Hub.