Novas
Galicreques programa en Santiago 25 compañías dunha decena de países coa axuda da Xunta a través da convocatoria para festivais



[06/10/2021]
O Festival Internacional Galicreques desvelou hoxe a programación que desenvolverá do 9 ao 17 de outubro en Santiago de Compostela, para a que volve contar co apoio económico da Xunta de Galicia. Son 25 compañías dunha decena de países as que amosarán os seus espectáculos nesta 26ª edición da mostra, que recupera tanto a súa dimensión máis internacional como as funcións presenciais para escolares, coas que incide na creación de públicos para o teatro de monicreques.O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto ao director de Galicreques, Jorge Rey, e dos representantes doutras das entidades colaboradoras. No caso da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, esta implicación materialízase a través da súa liña anual de subvencións para a organización de festivais profesionais de artes escénicas.
Reforzo do apoio ás mostras escénicas
Sutil explicou que a Asociacion Barriga Verde, organizadora da mostra compostelá, é unha das nove beneficiarias desta convocatoria, que foi reforzada en 2021 ao abeiro do Plan autonómico de reactivación do sector cultural. Con tal fin, dotouse con 200.000 euros −un 5% máis que o ano pasado− e introduciuse unha serie de modificacións nas bases para facilitar a adaptación dos eventos á evolución da pandemia.
A Xunta mantén así o seu compromiso cos principais festivais galegos de artes escénicas, considerados estratéxicos nas súas respectivas contornas e ámbitos artísticos, tanto desde o punto de vista da dinamización cultural como económica e turística. Neste sentido, o responsable de Industrias Culturais do Goberno galego referiuse especialmente ao papel do festival Galicreques na difusión da riqueza do teatro de monicreques, que abrangue todos os públicos e xéneros.
Máis de 50 de funcións
O Festival Internacional Galicreques ofrecerá máis de 50 funcións en diferentes escenarios e prazas da cidade, así como na carpa instalada na Alameda, entre as que se inclúen as representacións de seis estreas absolutas.
Ata Santiago desprazaranse compañías e artistas de Xapón, Polonia, Brasil, Bélxica, Ecuador, Arxentina, El Salvador, Francia, Portugal e do resto de España para presentar os seus espectáculos como parte dun cartel no que a representación galega correrá a cargo de Caramuxo Teatro, Moving Compass, Títeres Alakrán, A Xanela do Maxín, Olga Abad, Spaguetti Títeres, Mircromina Teatro, Troula Animación, Raquel Queizas, Papabuis ou Títeres Brincadeira.
-Web do festival