Abre o Foro 'FEED 2021' impulsado pola Asociaciˇn Galega de Dese˝o co apoio da Xunta para visibilizar a potencia do sector en Galicia

  O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na apertura do encontro que se desenvolve na xornada de hoxe CGAC

  A iniciativa supón o prólogo ao 9º Encontro Nacional de Deseño, que ten lugar desde mañá ata o domingo neste mesmo espazo e no Museo do Pobo Galego

Abre o Foro 'FEED 2021' impulsado pola Asociaciˇn Galega de Dese˝o co apoio da Xunta para visibilizar a potencia do sector en Galicia
[14/10/2021]
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na inauguración do Foro de Edición e Deseño FEED 2021, impulsado pola Asociación Galega de Deseño (DAG) co apoio da Xunta e coa finalidade de darlle visibilidade ao potencial do sector en Galicia, tanto a nivel creativo como á súa repercusión social e económica.
O encontro desenvólvese ao longo desta xornada no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, como prólogo ao 9º Encontro Nacional de Deseño que terá lugar desde mañá ata o domingo nese mesmo espazo e no Museo do Pobo Galego, tamén coa colaboración do Goberno autonómico. Neste marco, o CGAC acolle ademais ata xaneiro a exposición Front Spain With Design (FSWD) Identidade e Territorio.
 
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou o carácter punteiro do deseño galego, “cunha nómina de deseñadores gráficos e industriais de moito talento”. Para o director da Agadic, esta disciplina xoga hoxe un papel tan transcendente que supera xa o de ser un instrumento transversal para “erixirse nunha manifestación artística, social e económica de seu”.
 
Segundo explicou, a Xunta leva colaborando con este evento bienal desde o seu inicio en 2006, no marco do apoio “aos sectores culturais e creativos con iniciativas que permitan non só o desenvolvemento artístico individual, senón tamén preservar a actividade e o emprego no ámbito das industrias culturais en xeral”. Ademais, o representante do Goberno galego referiuse “á enriquecedora fiestra á conexión interdisciplinaria” que representa o FEED 2021.
 
Obradoiros e relatorios
Despois dun obradoiro realizado pola mañá sobre o deseño informado por datos, a sesión da tarde inclúe relatorios centrados na nova virtualidade, na artesanía dixital e nos artefactos visuais, entre outros temas. Laurent Ogel, Júlia Esqué, Laura Hernández, Ana Moliz, Pablo Honey ou Verónica Fuerte son algúns dos nomes do deseño nacional que participan no encontro que ofrece as súas actividades tanto a profesionais en activo como a estudantes deste ámbito.
 
O director da Agadic deulle os parabéns á Ásociación Galega de Deseño pola organización do foro que, xunto cos eventos que o acompañan, sitúa Santiago como capital do deseño en Galicia e en España, nun momento no que a entidade galega ocupa a presidencia da Red Española de Asociaciones de Diseño (READ), coa deseñadora compostelá Uqui Permuy á fronte.