A Xunta contrib˙e ß celebraciˇn de preto de 400 concertos ao abeiro da li˝a extraordinaria de subvenciˇns a salas privadas

  A iniciativa, enmarcada na programación do Xacobeo 21-22, supuxo un investimento de 560.000 euros e beneficiou un total de 22 espazos habilitados para a organización de espectáculos musicais con público

  As actuacións arrincaron no mes de xuño e está previsto que rematen a finais deste mes coa participación de máis de 300 solistas e grupos de todos os estilos

  O obxectivo da medida é facilitarlles liquidez ás salas para paliar os efectos económicos derivados dos peches por mor da pandemia, así como para recuperar a actividade e o emprego

A Xunta contrib˙e ß celebraciˇn de preto de 400 concertos ao abeiro da li˝a extraordinaria de subvenciˇns a salas privadas
[21/10/2021]
A Xunta apoiou nos últimos cinco meses a celebración de preto de 400 concertos ao abeiro do programa extraordinario de axudas a salas privadas habilitadas legalmente para a organización de espectáculos musicais con público. A convocatoria, enmarcada na programación do Xacobeo 21-22, supuxo un investimento de 560.000 euros e está a permitir achegarlles liquidez a 22 espazos, tanto para paliar os efectos económicos derivados do seu peche por mor das restricións aplicadas durante a pandemia como para retomar a actividade. As actuacións comezaron o pasado xuño e rematan a finais deste mes, coa participación de máis de 300 solistas e grupos de todos os estilos.


A sala que desenvolveu un maior número de concertos foi SalaSon, de Cangas, cun total de 40. Séguenlle Sala Tebras, de Lugo, con 24, Queen, de Pontevedra, con 23, e Guión, de Pontedeume, con 20, ademais do Garufa Club da Coruña e da Sala Riquela de Compostela, con 17 actuacións cada unha delas.
 
A meirande parte dos espazos organizaron 15 ou 16 sesións musicais. Son os casos de A Ventana, de Laxe, Filomatic e Amura, da Coruña, Krazzy Kray, de Cambados, e Gatos, en Melide, todos con 16 funcións. Con 15 sitúanse A Pousada da Galiza Imaxinaria, en Boiro, Sete Flores, no Carballiño, a Casa das Crechas, en Compostela, Ruído, en Ferrol, o Pub Baranda, no Barco de Valdeorras, Morango, en Lugo, e Mardi Gras, na Coruña.
 
Por debaixo destas cifras está LaRoom de Ferrol, con 14 concertos, e Moon Music Club, en Santiago. Pola súa banda, JagerLounge e Club Clavicémbalo, as dúas en Lugo, organizaron 13 e 10 sesións, respectivamente.
 
Toda a escena musical galega
Silvia Penide, Nastasia Zürcher, Marem Ladson, Pablo Lesuit, Eladio y los Seres Queridos, Davide Salvado, Mad Martin, Allova, Zënzar, Habitación Vudú, Pauliña, Dakidarría, Chicharrón, Ataque Escampe, Laura Lamontagne & Pico Amperio, Familia Caamagno, ou Ortiga son só algúns dos máis de 300 artistas, a meirande parte deles galegos, que ofreceron os seus concertos no marco deste calendario.
 
As salas escolleron os grupos participantes para continuar coa súa programación aplicando os mesmos criterios de estilos e xéneros habituais cara ao seu público. Deste xeito e segundo os distintos casos, puideron seguir desenvolvéndose desde ciclos de jazz ata concertos de orquestras populares, pasando por recitais en modo acústico, canción de autor, sesións DJ’s ou concertos de bandas e solistas do pop e rock galego máis actual.
 
Cada un destes espazos recibiu ata 20.000 euros para a organización dos concertos e para asumir os custos de persoal e mantemento dos locais. A convocatoria deulles resposta a todas as solicitudes que cumprían os requisitos esixidos, entre os que se atopaba o da habilitación como sala de concertos, sala de festas ou café-espectáculo, de conformidade coa definición recollida no Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público (Decreto 124/2019, do 5 de setembro), ademais de como café-concerto, café categoría especial ou tablao flamenco, segundo o Decreto 292/2004, do 18 de novembro.
 
Máis axuda para o sector
O apoio enmarcado no Plan de reactivación cultural, que viu incrementado o seu orzamento este ano en 23 millóns de euros, busca contribuír á recuperación da actividade e preservar o emprego no conxunto do sector, tanto desde o punto de vista artístico como técnico. Tamén se pretende recuperar a confianza do público na asistencia aos espectáculos, garantindo a seguridade en teatros, auditorios e demais recintos, en cumprimento estrito das medidas sanitarias en vigor.
 
A Xunta continúa así a lle dar resposta á situación pola que atravesan os profesionais e as empresas musicais con motivo da evolución da pandemia, sumándose a outras iniciativas xa postas en marcha, tales como o anterior programa Directos Xacobeo’21 en Salas ou o recente convenio por valor de 200.000 euros asinado con Clubtura para promover novos concertos nas salas asociadas a este colectivo na recta final deste ano.

[Na imaxe, sala Riquela Club, en Santiago de Compostela]