Chega a Santiago 'A l˙a vai encuberta', coproduciˇn do Centro Dramßtico Galego, Incendiaria e A Quinta do Cuadrante

  A peza gañadora do II Certame Manuel María de Producións Teatrais, que conta coa participación na montaxe da Casa-Museo do escritor, representarase do 29 ao 31 de outubro no Salón Teatro con catro funcións nas que colabora o concello compostelán

  Xunto ao director, Tito Asorey, e á autora da dramaturxia, Vanesa Sotelo, completan o elenco Melania Cruz e a Davide González

  O espectáculo enmárcase na aposta da unidade teatral da Xunta pola colaboración con diferentes institucións para achegarlle á cidadanía os clásicos da literatura galega adaptados á escena da man da dramaturxia contemporánea

Chega a Santiago 'A l˙a vai encuberta', coproduciˇn do Centro Dramßtico Galego, Incendiaria e A Quinta do Cuadrante
[27/10/2021]
A lúa vai encuberta, coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) coa Casa Museo Manuel María e as compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, chega esta semana ao Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde haberá catro funcións de venres a domingo, froito da colaboración entre a unidade teatral da Xunta e o concello compostelán. Dirixida por Tito Asorey e con dramaturxia de Vanesa Sotelo, a peza foi a gañadora do II Certame Manuel María de Producións Teatrais.  

A lúa vai encubertacéntrase na realidade galega e na loita incesante por conformar unha identidade propia. Conta con Tito Asorey, Melania Cruz, Davide González e Vanesa Sotelo como intérpretes. Completan o equipo artístico Carlos Alonso, responsable do espazo escénico e vestiario; Laura Iturralde, da iluminación, e Davide González, da sonoplastia. Xunto ao CDG, participan tamén na produción da montaxe a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Canga e as deputacións de Ourense, Lugo e A Coruña co apoio de numerosos concellos, como o de Santiago de Compostela.

Ampla distribución
As funcións programadas terán lugar o venres ás 20,00 h., o sábado ás 17,30 e ás 20,00 h., e o domingo, ás 18,00 h. As entradas xa están á venda en ataquilla.com e poderán adquirise no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada función.
 
A montaxe chega a Santiago despois da súa estrea o pasado setembro no Teatro Principal de Ourense e tras visitar distintos escenarios en Verín, Vilalba, Pontevedra e San Sadurniño.
 
Despois da súa estadía no Salón Teatro compostelán, A lúa vai encuberta ten previsto continuar cunha extensa xira ata a primavera de 2022, que levará esta proposta escénica aos concellos de Barbadás, Chantada, Fene, Ourense, Betanzos, Lugo, Carral, Sarria, Noia, Culleredo, Monforte de Lemos, Oleiros, Ribadeo, Ribeira, Cangas e Arteixo.
 
Colaboración institucional e co sector
A lúa vai encubertaforma parte das nove coproducións nas que participa o Centro Dramático Galego neste ano, no marco da súa aposta pola colaboración con todos os axentes do sector, así como con outras institucións e entidades, a prol da dinamización da escena galega. Trátase tamén de favorecer o achegamento á cidadanía dos clásicos da nosa literatura adaptados á escena da man da dramaturxia contemporánea.
 
Este labor participativo, xunto ás catro producións propias xa estreadas, fan que haxa presenza de actividades ligadas á compañía pública en máis de cen concellos e cun total de funcións programadas que tamén supera o cento de accións.