A Xunta e a Universidade de Santiago coeditan unha gua sobre dereitos de autor para profesionais das industrias creativas

  O director de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Jacobo Sutil, participou na presentación en Santiago desta publicación divulgativa elaborada polo avogado especializado na materia Ramón Rey García

  Este manual aborda aspectos legais básicos arredor da creación artística, que se complementan con artigos a cargo de diferentes expertos de recoñecido prestixio

A Xunta e a Universidade de Santiago coeditan unha gua sobre dereitos de autor para profesionais das industrias creativas
[03/11/2021]
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou esta tarde na presentación da Guía legal para autores e artistas de Galicia, coeditada pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de divulgar entre os profesionais da creación e das industrias culturais a lexislación e outros aspectos xurídicos básicos arredor dos dereitos de autor.

En representación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Jacobo Sutil acompañou o autor desta publicación, o avogado Ramón Rey García, no acto celebrado na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela. Contouse tamén coas intervencións de Xaime Fandiño, profesor xubilado da USC e creador audiovisual; Ania González, avogada e crítica cultural; Jorge Casal, compositor; e María Castelao, presidenta da asociación Art for Dent.
 
A publicación está prologada por Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade; Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago; e Margarita Ledo, catedrática de Comunicación e Publicidade e coordinadora do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC:
 
Día do lector
Ademais de lembrar a celebración hoxe en Galicia do Día do Lector, en conmemoración do nacemento de Xosé Neira Vilas, o responsable de Industrias Culturais da Xunta incidiu no carácter divulgativo destaGuía legal para autores e artistas. Neste sentido, definiuna como unha “achega tan necesaria como oportuna” sobre o marco legal indispensable que afecta os dereitos contractuais do exercicio cultural.
 
Nas súas palabras, este manual “reflicte con rotundidade a necesidade de conciliar o plano creativo co mercantil, o individual co de relación colectiva” como primeira premisa para acadar “a rendibilidade social e económica de todos os axentes que conforman a nosa industria creativa e cultural”, continuou.
 
O volume, que xa se pode adquirir tanto a través da Libraría Institucional da Xunta de Galicia  como dos puntos de venda físicos, está editado nun formato manexable e escrito cun estilo sinxelo, sen menoscabo do rigor académico, de xeito que sirva de material de consulta tanto para os profesionais da cultura en xeral como para todas aquelas persoas que, sen formación xurídica específica, precisen abordar calquera aspecto legal relativo á autoría.
 
Ademais de co apoio da Xunta e a implicación do Grupo de Estudos Audiovisuais da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, o seu autor contou coa colaboración de numerosos expertos de recoñecido prestixio para complementar cos seus artigos os diferentes capítulos nos que se divide o manual. Ofrécese así unha ollada de primeira man sobre as múltiples casuísticas dos dereitos de autor segundo o tipo de obra ao que se refiran, desde o audiovisual ata o software, pasando polas composicións musicais e as creacións literarias, dramáticas, coreográficas ou plásticas, entre outras.