A I Xornada Escénica de Promoción e Venda reúne no Gaiás representantes de compañías e programacións

A I Xornada Escénica de Promoción e Venda reúne no Gaiás representantes de compañías e programacións
[09/11/2021]

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, e o presidente da asociación Escena Galega, Juan Rodríguez, inauguraron hoxe na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, a I Xornada Escénica de Promoción Profesional e Venda de Galicia, na que participan representantes das principais compañías de teatro e danza galegas con espectáculos en distribución e unha vintena de profesionais responsables da programación cultural de distintos concellos, festivais e espazos de Galicia.


No acto de benvida, Jacobo Sutil presentou esta iniciativa como unha acción moi oportuna para o momento actual, ao destacar que o seu obxectivo é favorecer a contratación escénica e dinamizar o proceso de compra-venda de producións cara á temporada de 2022, facendo uso dun novidoso formato de encontro que aposta por intensificar a presenza e a interacción persoal entre os axentes implicados. De feito, baixo a organización de Escena Galega, a xornada estrutúrase arredor dun programa de presentacións e xuntanzas rápidas bilaterais (de non máis de oito minutos de duración) e momentos de networking dispoñibles para todas as persoas acreditadas.