A Xunta contribúe ao nacemento do ciclo de concertos 'Porto Maresía' na Coruña e Vigo para celebrar o Xacobeo 21-22 con música galega

  O director da Agadic, Jacobo Sutil, reuniuse co equipo organizativo e cos integrantes de Heredeiros da Crus antes do seu acústico desta noite no Auditorio do Palexco coruñés, onde mañá tamén actúa Ortiga

  O Teatro Afundación de Vigo recibe a Andrés Suárez este sábado 27 e a Guadi Galego o domingo 28

  Artmusic pon en marcha este programa coa axuda da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da convocatoria extraordinaria do Plan de reactivación do sector cultural para promotoras musicais independentes

A Xunta contribúe ao nacemento do ciclo de concertos 'Porto Maresía' na Coruña e Vigo para celebrar o Xacobeo 21-22 con música galega
[25/11/2021]
Porto Maresía: concertos con sabor a sal é o título dun novo ciclo de catro concertos de música galega que terán lugar desde hoxe e ata o domingo na Coruña e en Vigo. O programa, que arranca co directo de Heredeiros da Crus no Palexco coruñés, nace co apoio da Xunta de Galicia a través das súa convocatoria extraordinaria de subvencións para espectáculos musicais dentro da programación do Xacobeo 21-22.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, visitou esta tarde o equipo organizativo e os integrantes da banda de Ribeira durante os preparativos desta primeira cita de Porto Maresía. Sobre o escenario do Palexco, esta noite Heredeiros da Crus fará un repaso en acústico do seu repertorio no marco da xira Angústica.
 
Este mesmo espazo acollerá mañá venres 26 a Ortiga para presentar o seu segundo traballo, Sabes el camino que elegí, mentres que en Vigo o programa se desenvolverá no Teatro Afundación cos concertos de dous grandes solistas: Andrés Suárez, quen tocará o sábado 27, e Guadi Galego, o domingo 28. Todos os directos darán comezo ás 21.00 h., agás do de Guadi Galego, programado para as 19,30 h.
 
Apoio para a reactivación
Artmusic organiza Porto Maresía co apoio económico da Xunta como empresa adxudicataria da devandita liña específica de subvencións, inserida no Plan de reactivación cultural, para contribuír á recuperación das promotoras musicais independentes fronte ao impacto económico da crise sanitaria. A través desta medida, distribúense 850.000 euros entre 17 ciclos e espectáculos que se desenvolven nas catro provincias ata finais de ano e suman arredor de 100 actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como da escena nacional e internacional.
 
A proposta de Porto Maresía está fundamentada na calidade da súa escolma de artistas, que representan moi diferentes estilos musicais desde unha ollada propia e orixinal. A súa promotora conta cunha década de traxectoria ofrecendo todo tipo de servizos no seo da industria musical galega, á fronte da organización de concertos de figuras internacionais, de festivais como o FIV de Vilalba ou o do Queixo de Arzúa e de ciclos como Acustiquísimos, entre outras iniciativas
 
As entradas para os catro concertos da súa nova proposta poden adquirirse en liña a través da web www.ataquilla.com.